Cerramos

lunes, 30 de julio de 2012

FESTA DE HOMENAXE AOS VERANEANTES. EMOCIÓN E NUTRIDA ASISTENCIA


COMBARRO CONXUNTO HISTÓRICO 40 ANIVERSARIO


Venres, 27 de Xullo. FESTA DE HOMENAXE AOS VERANEANTES. ÉXITO DE ASISTENCIA E EMOCIÓN


Este venres 27 de xullo celebrouse a Festa de Homenaxe aos Veraneantes, un dos actos importantes da Conmemoración do 40 Aniversario da Declaración de Combarro como Conxunto Histórico, no salón de actos da Comunidade de Montes do pobo.

Cunha asistencia de máis de 150 persoas, e en medio dun ambiente cálido e afectuoso, a Festa dos Veraneantes foi todo un éxito.

Por fin desvelouse a sorpresa: a homenaxe aos veraneantes personificouse en tres das familias que levan máis tempo acudindo a Combarro todos os veráns: as de María Luisa Sanz, María de los Angeles Aguado e Hortensia Lamas. Todas elas recibiron o aplauso dos veciños de Combarro e dedicaron emotivas palabras aos alí congregados. De mans do Alcalde de Poio, de varias das concelleiras e concelleiros, e dalgúns dos membros da Asociación A Solaina, recibiron senllos ramos de flores, un libro sobre o municipio de Poio con dedicatoria especial e un Plano artístico do Conxunto Histórico de Combarro.

O pano de fondo puxérono a música dos veráns e imaxes históricas de Combarro, entre as que se encontraban escenas estivais nas que participaban estas familias homenaxeadas e outras, así como os propios veciños de Combarro. Esta parte visual resultou acollida con verdadeiro entusiasmo polos asistentes. Á calidez do acto contribuíron de forma extraordinaria Xosé M. Martínez, que o conduciu con graza, traendo ao mesmo múltiples anécdotas dos veráns de Combarro, e o excelente traballo técnico, no son e nas imaxes, de Manuel Pastoriza Freire e Andrés Dacosta Martínez.

As actuacións do Coro Virxe da Renda e das Pandereiteiras do Ateneo foron así mesmo moi aplaudidas.

Rafael Vallejo recordou que foi a partir da década dos 50 cando empezaron a chegar a Combarro os veraneantes, isto é, mulleres e homes da clase media e traballadora que pasaban ao menos un mes entre nós. "Os que naceron neses anos, ou nos 60, sabémolo ben –afirmou-. Témolos presentes. Son María Luisa e a súa familia, Angelines e a súa, a familia dos de Soto, a dos de Romero, a dos Paz, a dos Pérez de Ourense, as de Hortensia de Lugo e a súa irmá Margarita, a de Begoña Ruiz e Ramiro Álamos de Logroño, a de Cristina e Olga López, etc...". Conclueu que: "Nelas pensamos ao programar esta festa de homenaxe. Non pensamos nos turistas nin nos veraneantes en xeral. Pensamos nestes veraneantes en particular."

Por último compre salientar o eficaz labor desenvolvido, no aspecto organizativo, por parte de Alicia Martínez, Andrés Dacosta Paz, Antón Briones, Loli Viñas, Susana Arbilla e Luis Chapela. A apoio humano co que contou a Asociación A Solaina resultou decisivo para o satisfactorio resultado acadado.

A FESTA NA PRENSA DIXITAL


Diario de Pontevedra e o mencionado Faro déronlle cabida na edición en papel do sábado 28.

0 comentarios:

Publicar un comentario