PROGRAMA DE CONFERENCIAS "COMBARRO CONXUNTO HISTÓRICO 40 ANIVERSARIO". CUARTA CONFERENCIA

CUARTA CONFERENCIA DO CICLO "COMBARRO CONXUNTO HISTÓRICO 40 ANIVERSARIO"


Sara María Torres Outón. (Socióloga. Universidade de Vigo).

As posibilidades turísticas de Combarro: patrimonio, hostalaría e comercio.

Día: Venres, 28 de setembro. Hora: 20 horas.
Lugar: Escola do Campo de Combarro

Resumo da conferencia.
Con ocasión da celebración da conmemoración do 40 aniversario da declaración de Combarro como conxunto de interese artístico e pintoresco (1972) resulta apropiado reflexionar sobre as súas oportunidades turísticas ligadas ó patrimonio, hostalería e comercio.
Non cabe dúbida de que constitúe un exemplo sobranceiro da arquitectura popular mariñeira galega. O seu casco vello presenta unha adaptación e simbiose co medio físico e natural que o caracteriza e dota de gran beleza. A profunda relación entre a súa arquitectura e o medio que a rodea obedece a razóns funcionais e produce un resultado de gran valor estético. A estrutura urbanística do casco de Combarro responde a simbiose entre dúas especializacións fundamentais: o traballo mariñeiro realizado na ría e as labores agrícolas do val.

Hoxe en día, son outros os sectores económicos presentes no casco vello. A crecente especialización hostaleira e comercial dos últimos anos é froito do seu atractivo turístico. Para potenciar este sector resulta primordial buscar vías de concertación de intereses e harmonía entre estas actividades económicas e os residentes. Todos eles dotan de vida cultural, social e económica ó casco histórico de Combarro. A convivencia de actividades económicas e poboación engádelle valor ó conxunto histórico patrimonial e o converten nun espazo vivo no que identidade e tradición (arquitectura) e modernidade (servizos) están presentes.
A conferenciante: Sara María Torres Outón.
Sara Mª Torres Outón é profesora asociada de Socioloxía na Universidade de Vigo dende o ano 2001. Licenciada en Socioloxía e Ciencias Políticas, colaborou e participou como freelance en proxectos educativos, de análise social e desenvolvemento local.
Vinculada dende o ano 2000 ó Seminario de Estudios Socioeconómicos de Pontevedra Carlos Velasco, especializouse en diagnóstico comercial –en estreita colaboración coa Asociación Comercial Zona Monumental de Pontevedra- e estudios de intervención municipal.
Precisamente, nesta entidade, colaborou na elaboración e redacción de diversos informes sobre o Concello de Poio: “Bosque, emprego e turismo en Poio“  (2007), “Revitalización de Riomouro” (2007) e “Complementariedade, comercio, hostalaría e turismo en Combarro” (2008).
O seu interese pola recuperación dos cascos históricos derivou no estudio de posibles estratexias de revitalización ligadas ó aproveitamento comercial e turístico como actividades compatibles coa función e uso residencial.
Actualmente, centra a súa actividade na docencia e investigación.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Noticia uvigo.gal

“Conservas de Combarro”

Combarro. Arquitectura. Casa con sobrado.