PROGRAMA DE CONFERENCIAS "COMBARRO CONXUNTO HISTÓRICO 40 ANIVERSARIO". SEXTA CONFERENCIA

SEXTA CONFERENCIA DO CICLO "COMBARRO CONXUNTO HISTÓRICO 40 ANIVERSARIO"




Arquitectura e Patrimonio Histórico

Conferenciante: Manuel Mª Chaín Pérez (Subdirector xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais. Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia).
Titulo da Conferencia: Os Plans Especiais de Protección nos Conxuntos Históricos de Galicia.

Día: Xoves, 18 de outubro.
Hora: 20 horas.
Lugar: Escola do Campo de Combarro.

________________________________________________________________
NOTA ACLARATORIA: Esta conferencia ía ser impartida por Ignacio Cerrada, Xefe de Servizo de Planeamento e Inventario da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Por razóns de forza maior, alleas a súa vontade, non poderá ser así. O Subdirector Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, Manuel Mª Chaín, será quen a imparta. A Asociación A Solaina agradece a colaboración de ambos os dous.
___________________ 
Resumo da conferencia:

OS PLANS ESPECIAIS DE PROTECCIÓN DOS CONXUNTOS HISTÓRICOS DE GALICIA.
A conferencia tentará facer unha presentación sobre o significado conceptual da figura do “Conxunto Histórico” como unha das clases de protección nas que son declarados os bens inmobles de interese cultural, os B.I.C., e do réxime xurídico de protección que esta cualificación outorga.. A singularidade deste réxime na súa aplicación aos conxuntos históricos ten o seu cerne na figura do Plan Especial de Protección.

¿Que é un conxunto histórico?, ¿como se protexe?, ¿como se conserva?, ¿por qué un plan especial?, ¿como debe ser un bo plan especial?; e despois de aprobado o plan especial ¿que é do conxunto histórico? ... serán algunhas das cuestións ás que tentará dar resposta, ou cando menos introducir suxestións para a súa interpretación, esta charla.  

Todo elo desde a perspectiva e a experiencia da administración competente en materia de conservación e protección do patrimonio cultural.

O conferenciante:

MANUEL Mª CHAÍN PÉREZ
Arquitecto, funcionario de carreira, e na actualidade Subdirector xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Secretaría Xeral de Cultura, Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
É arquitecto pola Universidade de Santiago de Compostela e posúe un máster en rehabilitación arquitectónica pola Escola Superior de Arquitectura da Coruña. Leva máis de 22 anos traballando como arquitecto na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, desenvolvendo a súa actividade principalmente en aspectos relacionados coa conservación do patrimonio cultural, tendo supervisado, coordinado, redactado e dirixido obras de conservación e restauración de moitos inmobles integrantes do patrimonio cultural galego. Na actualidade, entre outras funcións, encomendadas pola Consellería de Cultura, é membro da Comisión asesora do plan especial de protección do conxunto histórico de Santiago de Compostela.
Entre os traballos que ten realizado, tan só por citar algún, a rehabilitación das Aldeas de Seceda e Froxán no concello de Folgoso do Courel (Lugo) [en colaboración con Juan Manuel Doce Porto][ámbolas dúas aldeas son bens inmobles declarados  BIC – Lugar de interese etnográfico]; a recuperación dos edificios multiusos e da antiga central eléctrica na Illa de San Simón, Redondela (Pontevedra) [en colaboración con Federico Garrido Villa][ben inmoble declarado BIC – Sitio Histórico]; a restauración da igrexa de Santa María a Nova de Noia e a súa rehabilitación como centro de exposición das laudas gremiais, Noia (A Coruña) [ben inmoble declarado BIC – Monumento]; o seguimento e supervisión técnica dos proxectos e traballos de restauración do Plan Catedral – Restauración do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela [ben inmoble declarado BIC e que forma parte de dous bens incluídos no listado do patrimonio mundial: A Cidade Antiga de Santiago de Compostela e o Camiño Francés de Santiago de Compostela].    

Comentarios

Entradas populares de este blog

Combarro. Arquitectura. Casa con sobrado.

“Conservas de Combarro”