Combarro. Arquitectura. Casa con sobrado.


O soporte do balcón resólvese con varias solucións constructivas. Explicárono moi ben Francisco Guerra, no seu traballo de fin de carreira (Combarro, exemplo de construccións populares, 1987), e Manuela Constantino na súa “tesi di laurea”, defendida no Instituto Politécnico de Turín (Ipotesi dei conservazione e valorizzazione dell’architettura vernacolare in Galizia: il caso studio dei Combarro, 2010). Os chans dos balcóns, de lousas de granito, son soportados por canzorros, por ménsulas encaixadas no muro da vivenda ou por medio de trabes de pedra que descansan, á súa vez, sobre columnas. Con esta última solución xorden os “soportáis”, que, cos balcóns, dotan a Combarro dun particular tipismo. No noso caso non son moi amplos, pois apenas superan o metro de anchura, outra expresión máis das limitacións espaciais do pobo. Isto fai que os soportáis funcionen aquí máis como lugares de acubillo e protección das entradas das casas ante as inclemencias do tempo que coma espazos habituais de tránsito. Ademais, amplían en certo xeito o espazo de labor das vivendas e crean recunchos amables para as relacións familiares e entre veciños. Percibiuno con delicadeza o pintor Carlos Maside en 1952: “Balcóns sostidos por simples fustes de pedra ou columnas neoclásicas sinxelas, formando co seu voo acubillo ao soportal onde bancos de pedra á beira da porta de entrada ofrecen descanso e conversa”.
·
"Guía turística do Conxunto Histórico de Combarro", Rafael Vallejo Pousada.
·
Foto: Balcóns e soportais.
Combarro. 2013. Rafael Vallejo
·



Comentarios

Entradas populares de este blog

“Conservas de Combarro”