Cerramos

domingo, 7 de abril de 2013

PRESENTOUSE EN COMBARRO A "GUÍA DEL CONJUNTO HISTÓRICO DE COMBARRO. HISTORIA Y ARQUITECTURA POPULAR"




A Asociación A Solaina presentou este domingo ante máis de cincuenta combarreses e combarresas a "Guía del Conjunto Histórico de Combarro. Historia y arquitectura popular", que acaba de editar. A presentación correu a cargo de Andrés Dacosta Paz e Rafael Vallejo Pousada, responsables desta edición.


A Guía, de 48 páxinas, conta con 89 imaxes, entre as que encontramos debuxos, fotos antigas e actuais, mapas, cadros e carteis, que permiten un percorrido visual polo pasado e o presenta deste Conxunto Histórico e da súa arquitectura tradicional.


A Guía trata sobre a xeografía, a toponimia, a historia, o "descubrimento" de Combarro como lugar artístico e pintoresco, e a súa arquitectura. Neste apartado da arquitectura explícanse os tipos de vivendas, as construcións marítimas (peiraos, ramplas e balo costeiro) e a chamada, de xeito novidoso na descrición de Combarro, "arquitectura do pan", na que se inclúen os hórreos, os eirados, os muíños e os fornos de pan. Trata así mesmo da arquitectura relixiosa, isto é, dos cruceiros e as igrexas desta vila, así como das festas e do dinamismo sociocultural de Combarro, expresado a través das súas asociacións e entidades profesionais.


A presentación contou coa presenza do alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a tenente de alcalde, Chelo Besada.

Os asistentes foron agasallados con cadanseu exemplar da nova Guía de Combarro, que, a partir desta semana, poderá ser adquirida en diferentes establecementos de Combarro e na Oficina de Turismo.



0 comentarios:

Publicar un comentario