INFORME URXENTE SOBRE O CONXUNTO HISTÓRICO DE COMBARRO

INFORME URXENTE SOBRE O CONXUNTO HISTÓRICO DE COMBARRO. 
PROPOSTA DUN PLAN DE ACTUACIÓN EN 10 MEDIDAS PARA CONSERVAR O SEU PATRIMONIO CULTURAL NO HORIZONTE DO 50 ANIVERSARIO DA SÚA DECLARACIÓN COMO CONXUNTO HISTÓRICO (1972-2022

A Asociación A Solaina ven de presentar, aos grupos políticos con representación no Concello de Poio, o "INFORME URXENTE SOBRE O CONXUNTO HISTÓRICO DE COMBARRO. PROPOSTA DUN PLAN DE ACTUACIÓN EN 10 MEDIDAS PARA CONSERVAR O SEU PATRIMONIO CULTURAL NO HORIZONTE DO 50 ANIVERSARIO DA SÚA DECLARACIÓN COMO CONXUNTO HISTÓRICO (1972-2022)".

A reunión valorámola en termos positivos, dado o clima de cordialidade e a vontade de buscar consensos na materia tratada, manifestados polo Alcalde de Poio e os voceiros dos distintos grupos, Chelo Besada e Ángel Moldes.

O documento tamén foi entregado hoxe ao Presidente da Xunta de Galicia, ao Conselleiro de Educación e Cultura, así como á Presidenta do Parlamento de Galicia, para a súa remisión a todos os partidos con representación no mesmo.

Ao Presidente da Xunta foille solicitada unha entrevista para explicarlle o alcance do mesmo e o Plan de Actuación en 10 Medidas para Conservar Combarro.

Nos vindeiros día o Informe sobre Combarro será entregado na Deputación de Pontevedra (Presidencia e corporación provincial); e no Consello da Cultura Galega. O mércores día 30, o presidente de A Solaina, Rafael Vallejo, entrevístase co presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares en Santiago de Compostela, para que o Consello analice o Informe e faga a valoración correspondente.

Este Informe e o Plan de Actuación en 10 Medidas será enviado así mesmo aos Colexios de Arquitectos de Galicia; ás Universidades Galegas. E será presentado ao pobo de Combarro.

PLAN DE ACTUACIÓN EN 10 MEDIDAS PARA CONSERVAR O SEU PATRIMONIO CULTURAL NO HORIZONTE DO 50 ANIVERSARIO DA SÚA DECLARACIÓN COMO CONXUNTO HISTÓRICO (1972-2022).
O Informe, que entende existe unha situación crítica do patrimonio cultural de Combarro, ten un afán construtivo. Proba diso son as 10 Medidas que plantea. Presentámolas a continuación para que se difunda o seu coñecemento e para que, si vos parecen oportunas, as apoiedes.

3. Proposta dun Plan de Actuación en 10 Medidas para conservar o Patrimonio cultural de Combarro no horizonte do 50 Aniversario da súa declaración como Conxunto Histórico (2022). (páxinas 31-38 do Informe Urxente)

1ª. Que se leve a cabo unha diagnose rigorosa sobre a situación socioeconómica e patrimonial do Conxunto Histórico de Combarro por parte das administracións públicas galegas. Para isto sería desexable, desde o noso punto de vista, lograr un gran pacto municipal e un compromiso extraordinario dos poderes públicos galegos para a xestión eficaz deste singular Conxunto Histórico de Galicia. Trátase de lograr unha iniciativa conxunta que salvagarde os valores propios do patrimonio cultural de Combarro, hoxe en grave perigo de perda irreversible, e que permita unha resposta satisfactoria, estratéxica, ás esixencias e retos que xera o que hoxe é un espazo turístico sensible, dentro dunha aposta pola excelencia turística e a sustentabilidade do recurso (do capital cultural) que sirve de soporte a esa actividade. Unha resposta que se sitúe na liña dos criterios reitores de protección e conservación das paisaxes naturais e culturais que establecen o Convenio Europeo da Paisaxe (2000), a Lei 7/2008 de Protección da paisaxe de Galicia e o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia (2010), así como, claro está, nos da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia e nos do recente Plan Integral de Turismo de Galicia 2014-2016. Precisamente este último establece entre as súas liñas estratéxicas o lograr unha "Galicia como destino ambiental, social e economicamente sostible" e unha "Galicia como modelo europeo de turismo sostible", para o que identifica que "Galicia ten unha das súas principais fortalezas no valor diferencial dos seus recursos endóxenos en todos os seus ámbitos. Iso implica que se debe traballar na protección, conservación e posta en valor deses recursos sen que perdan a súa esencia e valores de sostibilidade ambiental e social"[1].
Nun momento coma este de severas dificultades financeiras para as corporacións municipais, faise máis urxente ca nunca si cabe a actuación coordinada e cooperativa do conxunto das administracións públicas, máis alá da cor política de quen goberna. Salvagardar un conxunto histórico de Galicia, irrepetible coma este, tería que formar parte dos consensos básicos, ineludibles, que deberían presidir a política en Galicia. Esta Asociación A Solaina, como parte que é da sociedade civil galega, así o entende e o reclama neste caso.

2ª. Esta diagnose debería basearse nunha Enquisa á poboación de Combarro residente no Conxunto Histórico (a área do Plan Especial de Protección e a cualificada como "área de rehabilitación" o 30 de outubro de 2002), que valore a percepción, vivencia e opinión dos seus residentes e dos axentes directamente relacionados co Conxunto (hostaleiros, comerciantes, etc.), as súas necesidades e as súas aspiracións. Esa enquisa debe permitir, en último extremo, coñecer se esta poboación quere que Combarro continúe sendo Conxunto Histórico. Entendemos que esta unha premisa necesaria para que o que poida facerse en Combarro por parte das administracións públicas se sosteña sobre un soporte de lexitimación dos máis directamente afectados. O que vaia suceder co Conxunto Histórico desde 2014 non ten que ser decisión exclusiva das elites político-administrativas ou dunhas elites intelectuais; ten que ser froito da decisión voluntaria dos directamente afectados, os seus habitantes.[2]

3ª. Revisión do Plan Especial de Protección, tras a realización da enquisa formulada no punto anterior, que permita un coñecemento actualizado da situación (uso e conservación) dos espazos e das vivendas do Conxunto Histórico de Combarro, e das súas necesidades en materia de urbanismo e arquitectura tradicional, e que faga posible dar respostas eficaces, actualizadas, aos retos que se derivan do actual perfil socioeconómico de Combarro. O alcalde do Concello de Poio manifestouse xa neste sentido en novembro de 2012.[3]

4ª. Creación, para Combarro, dunha Área de Rehabilitación Integral permanente (ou unha figura xurídico administrativa semellante), que permita levar a cabo, cun esquema axeitado, sustentado en prazos fixados con este fin, o programa de conservación-rehabilitación-restitución, que se desprende dos traballos técnicos elaborados pola Xunta de Galicia en 1992-1993: o Plan Piloto de actuacións urbanas urxentes no Conxunto Histórico de Combarro; e o Proxecto básico e de execución de actuacións urbanas urxentes no Conxunto Histórico de Combarro. Na medida en que estes programas (Plan e Proxecto) apenas se executaron, trátase de aproveitar o que deles segue a ser actual e afrontar as tarefas pendentes que a administración autonómica ten co Conxunto Histórico de Combarro. Suxerimos que sexa unha iniciativa sustentada con fondos europeos, do goberno central (a través do 1% cultural), e loxicamente recursos do autonómico e do local, con implicación directa (coxestión) da Corporación Municipal de Poio e da Xunta de Galicia. Esta Área de Rehabilitación Integral permanente debería permitir a Combarro someterse a unha cualificación de Certificado de Calidade, en anos sucesivos, nalgunha das modalidades internacionais existentes, aplicables a espazos singulares humanizados.

5ª. Plan permanente de conservación e restauración de hórreos, que inclúa a inspección periódica, o asesoramento técnico aos particulares e o establecemento de vías de fomento ou estímulo (subvencións) para a preservación dos hórreos en condicións de calidade construtiva e estética. O labor de asesoría técnica e as axudas poden instrumentarse a través da Área de Rehabilitación Integral. Non obstante, antes de que esta se constitúa debe establecerse un plan urxente, ao menos provisional, de conservación e restauración das "palleiras" de Combarro.

6ª. Programa de reactivación residencial. Fomento do uso residencial das vivendas en ruína ou en proceso de ruína (e mesmo de vivendas deshabitadas). Compra do parque inmobiliario de vivendas en ruína por parte da Xunta de Galicia e do Concello de Poio, converténdoas en vivendas sociais (en réxime de aluguer a ser posible), seguindo o modelo do que se está a facer dende hai varios anos no barrio antigo de Vigo, a través do Consorcio do Casco Vello de Vigo, levando a cabo obras de rehabilitación modélicas, que sirvan de referencia e exemplo a imitar.

7ª. Eliminación do tendido aéreo de todo tipo cables en toda a área de protección do Conxunto Histórico e a definida como "área de rehabilitación" o 31 de outubro de 2002, procedendo ao seu soterramento nun prazo máximo de tres anos. É preciso encontrar os canles para que a empresa ou as empresas afectadas colaboren; e, no seu caso, buscar esa colaboración a través de fórmulas de mecenado privado. Nesta intervención a tres anos habería que incluír a mellora da iluminación do Conxunto Histórico, que debería contemplar o tratamento o máis uniforme posible dos puntos de luz (farolas, etc.).

8ª. Aplicación, por parte do Concello de Poio, das recomendacións efectuadas no Informe  do Seminario de Estudios Carlos Velasco en 2008 de mellora de accesos ao Conxunto Histórico. En concreto sería desexable acondicionar, con mellor criterio, a subida ou entrada a Combarro polo lugar de a Ghurita desde a praza de Chousa, eliminando –entendemos en A Solaina- a escaleira hoxe existente e substituíndoa por un acceso ou escaleira de pedra[4]. É recomendable, igualmente, sinalar de xeito adecuado o acceso tradicional pola subida de Chousa. Pola súa banda, en materia de obras de pavimentación, no Plan de Medidas de 1992 da Asociación A Solaina recollíase o completar a pavimentación con "pedra do país" de tódolos espazos públicos de Combarro. Isto está practicamente feito na súa totalidade. Queda un pequeno rueiro na entrada de Combarro por Chousa, á beira dos hórreos.

9ª. Creación, na Corporación municipal de Poio, dunha Concellería dedicada ao Patrimonio Cultural. Na actualidade ese Concellería, coas competencias específicas e relacionadas con esta materia, debería ser prioritaria, dada importancia do patrimonio de Poio, que conta con grandes atractivos no Mosteiro de Poio, na Área Arqueolóxica da Caeira, no excelente agrupamento de vinte e tres muíños de Samieira (coa súa "ruta" correspondente), e sobre todo conta cun Conxunto Histórico habitado, coas súas múltiples e complexas esixencias de xestión cotiá.

10ª. Deseño e aplicación, nunha acción concertada do Concello de Poio, a Deputación Provincial de Pontevedra a través do padroado Rías Baixas, e de Turismo de Galicia, dun Plan Piloto de Excelencia Turística (Turismo cultural) para o Conxunto Histórico de Combarro, que poida servir de modelo para a súa aplicación a outros Conxuntos Históricos de Galicia que haberían de ser núcleos de actuación preferente na promoción do turismo cultural, de calidade, como unha marca identitaria da Galicia singular.
É máis, desde esta Asociación A Solaina propoñemos crear, por parte do goberno galego e do Parlamento de Galicia, a marca "Conxuntos Históricos de Galicia. Valor do Patrimonio Cultural de Europa". O recente Plan Integral de Turismo de Galicia 2014-2016 establece como unha da súas Liñas estratéxicas (a L.E.2) "a oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos diferenciais endóxenos"[5]. Non obstante, os Conxuntos Históricos non están recollidos explicitamente nesas liñas estratéxicas aludidas así como tampouco nas accións que se derivan das mesmas, aínda que puideran entrar nesas accións. En todo caso, nos entendemos que a creación desa marca "Conxuntos Históricos de Galicia" ben puidera formar parte do presente ou dun renovado Plan estratéxico para o fomento do Turismo cultural de Galicia, que teña na súa base estas paisaxes urbanas cualificadas. Este Plan podería servir ao tempo como motor de salvagarda dos Conxuntos Históricos galegos, como motor económico polas accións de conservación, restauración e rehabilitación estratéxicas a realizar, así como polas actividades asociadas á promoción e a oferta conxunta que cabería facer, un ano tras outro, na rede destes espazos urbanos cualificados. A creación da marca aludida e as accións implícitas á mesma podería servir así mesmo para o sometemento periódico dos Conxuntos Históricos a programas ou certificados de calidade monumental, arquitectónica ou turística, que constituirían, así, un estímulo para a actuación e mellora permanente. Deste xeito podería ser máis fácil conseguir financiamento internacional para o proxecto, en plans europeos comunitarios ou transfronteirizos.
O Plan Piloto de Excelencia Turística para o Conxunto Histórico de Combarro podería incluír cando menos os seguintes aspectos:
1) Creación dun Programa sectorial de difusión da cultura popular agrícola-mariñeira e da arquitectura popular da Galicia litoral, que leve consigo a "Posta en marcha do xa creado Museo do Mar (en 1969)". Esta medida tamén fora aprobada en 1992 polo Parlamento de Galicia (véxase Cadro 1). Habería aquí dúas alternativas, ao menos:
a) creación e habilitación dunha Casa museo mariñeiro-labrega, para o que no seu día (década de 1970) deran pasos oportunos tanto o goberno central (hoxe a Xunta de Galicia, á que se lle pasaron no seu momento competencias e recursos patrimoniais) como a Deputación Provincial de Pontevedra;[6]
b) creación dun centro de interpretación da cultura popular agrícola-mariñeira e da arquitectura popular da Galicia litoral atlántica, de acordo a como a ten identificado Manuel Caamaño Suárez.[7]
Propoñemos que a creación dese chamado no seu día Museo do Mar poida encontrar o seu soporte de financiamento nos 136 millóns de euros cos que se nutre o Plan de Turismo Integral de Galicia 2014-2016 para esta lexislatura[8], ao igual que outras das medidas que se propoñen para este Plan Piloto de Excelencia Turística para o Conxunto Histórico de Combarro.
2) Apertura dunha Oficina de Turismo permanente en Combarro, tamén de acordo co aprobado no Parlamento de Galicia en 1992. Nesta iniciativa sería básica a colaboración do Concello de Poio e o soporte do padroado provincial de Turismo Rías Baixas da Deputación Provincial de Pontevedra, así como do ente Turismo de Galicia a través do aludido Plan Integral de Turismo.
3) Crear unha ruta didáctica sobre "A arquitectura do pan en Combarro" (hórreos, eirados, muíños e fornos). Isto levaría consigo o enlazar o Conxunto Histórico, por medio dunha ruta empedrada ou cun firme especial, identificado para o efecto, cos muíños existentes no lugar de A Sela e a restauración destes muíños, de acordo cos propietarios, para convertelos en construcións musealizadas que completen a oferta cultural de Combarro e que ofrezan a imaxe global da súa arquitectura popular. Estes (tres) muíños están a menos de 500 metros do Conxunto Histórico. Esta ruta puidera ser perfectamente alongada cara arriba a través da sendeiro actualmente existente polo entorno do río da Sela, chegando ata a capela da Virxe da Renda, o lugar do Xuviño (onde hai mostras curiosas de arquitectura popular, semellantes ás de Combarro), e ata o lugar da Armadiña, no que se podería habilitar algún miradoiro, pois existen vistas excelentes sobre a Ría de Pontevedra, o Mosteiro de Poio e a ladeira do Castrove.
4) O fomento do Turismo rural –como se acordara en 1992 no Parlamento de Galicia- (ver Cadro 1) en base ao parque inmobiliario rexenerado ou as vivendas deshabitadas, que inclúa a apertura de liñas específicas de financiamento e subvención das posibles iniciativas de emprendedores particulares. Debería poñerse en funcionamento a partir dun Programa de información/formación a todos aqueles emprendedores ou emprendedoras que manifestaran un previo interese pola iniciativa.
5) Aplicación dalgunhas das interesantes recomendacións feitas polo Seminario de Estudios Socioeconómicos Carlos Velasco en 2008 no informe "Complementariedade comercio, hostalaría e turismo en Combarro" , como son[9]:
a) o coidado e limpeza de rúas e de inmobles abandonados, instalación de contedores de lixo e de cristal non agresivos co entorno;
b) tratar de ampliar, nas proximidades do Combarro histórico, os espazos de aparcamento, sen afectar ao Conxunto;
c) establecemento dun catálogo de ordenanzas e normas municipais que teñan como fin regular as actividades cotiás de particulares e negocios no Conxunto Histórico de Combarro, co obxectivo de ofrecer unha imaxe de calidade do mesmo, a través dun proceso de negociación cos axentes afectados;
d) mellora da sinalización do casco e sinalización máis efectiva da Oficina de Turismo;
e) establecemento de liñas de colaboración cos comerciantes e hostaleiros para propiciar a organización interna do sector, de forma que se busquen canles de profesionalización do mesmo, hoxe moi deficitaria; trátase de promover fórmulas asociativas dos implicados nas actividades turísticas, que poidan servir así mesmo "para organizar conxuntamente cursos de formación e especialización dos profesionais do sector";
f) acordo cos establecementos da "mellora da imaxe conxunta do Conxunto Histórico de Combarro: toldos, sombrillas, fachadas, cartelaría, etc.";
g) promover a "constitución dun Centro Comercial Urbano ou Aberto propio de Combarro, ou mellor integrado co resto dos establecementos comerciais e hostaleiros do Concello de Poio", como meta operativa a medio prazo;
h) mellora da calidade urbana do Centro Histórico de Combarro, de forma que se cree unha "Imaxe de marca conxunta, adaptada ó entorno, do comercio e a hostalería local en aspectos como cartelaría…, toldos e terrazas, sombrillas, elementos decorativos, bolsas, papelería, etc.", se establezan "horarios comúns e fora dos tramos de maior afluencia de visitantes para realizar tarefas tales como limpeza de locais e terrazas; reposición; carga e descarga; contedores de lixo, etc."; e se fixen "normas comúns para a exposición de mercadorías nas rúas, tratando de evitar a excesiva ocupación das mesmas. A realización dalgún curso de escaparatismo ou decoración pode servir para aumentar a calidade da imaxe do sector comercial." etc.
            Trátase, pois, de que as novas actividades izadas ao calor da afluencia turística, sobre todo nos meses de verán, lonxe de contribuír ao deterioro irreversible do ben patrimonial  que é o Conxunto Histórico de Combarro, serva para reforzalo como referente da identidade cultural de Galicia e como signo distintivo da que pretendemos sexa unha Galicia excelente.





[1] Plan Integral de Turismo de Galicia 2014-2016 no documento Estratexia de turismo para o 2016, pp. 4, 5 e 42.
[2] O precedente da "enquisa" realizada polo Seminario de Estudios Socioeconómicos Carlos Velasco (2008) revela, desde o noso punto de vista, a utilidade para a toma de decisións, dunha iniciativa deste tipo, que teña en conta a opinión dos directamente afectados.
[3] "Luciano Sobral abre la puerta a una posible revisión del Plan Especial de Combarro. Cree que las aportaciones de los expertos en las jornadas para celebrar el 40 aniversario del conjunto histórico podrían aprovecharse para mejorar un documento que tiene ya diez años"; Faro de Vigo (edición Pontevedra), 17-11-2012; "Sobral no descarta revisar el plan especial de Combarro", La Voz de Galicia (edición Pontevedra), 17-11-2012 e Diario de Pontevedra, 17-11-2012.
[4] Na enquisa feita en agosto de 2008 polo Seminario de Estudios Socioeconómicos Carlos Velasco (2008), pp. 61 e 78, aos turistas e residentes de Combarro, unha porcentaxe significativa dos mesmos sinalaba esta escaleira como un elemento totalmente desafortunado, a substituír.
[5] Plan Integral de Turismo de Galicia 4014-2016, documento Estratexia de turismo para o 2016, p. 5.
[6] Véxase ao respecto Fariña (1975) e Decreto 3771/1972, de 22 de diciembre, en Boletín Oficial del Estado, 38, 13-2-1973, p. 2749. Sobre o Museo do Mar de Combarro hai referencias múltiples, como a citada de Fariña (1975). Hai información ao respecto nos informes de A Solaina: Asociación A Solaina (1991), (1992) e (1994). Ver tamén La Torre (1988).
[7] Para o que sería posible usar as catalogacións ou descrición feitas por Begoña Bas, Pedro de Llano ou o citado Manuel Caamaño. Ver ao respecto, Caamaño (2014), moi útil como guía básica de referencia. Sobre o Museo do Mar de Combarro hai referencias múltiples. Hai información ao respecto nos informes de A Solaina: Asociación A Solaina (1991), (1992) e (1994), así como en Fariña (1975). Ver tamén La Torre (1988).
[8] "Presentado el Plan integral que identifica las grandes fortalezas de Galicia para competir como destino único: riqueza natural, calidad de las aguas termales y de la gastronomía, el símbolo del Camino de Santiago y el patrimonio artístico y cultural"; Xunta de Galicia, Turismo de Galicia. http://www.turgalicia.es/canle-institucional/actualidade/detalle-nova?langId=es_ES&content=nova_0080.html&ordRs=0 .
[9] Véxase Seminario de Estudios socioeconómicos Carlos Velasco (2008), pp. 89-97.



Comentarios

Entradas populares de este blog

Noticia uvigo.gal

“Conservas de Combarro”

Combarro. Arquitectura. Casa con sobrado.