A SOLAINA DIRÍXESE AO ALCALDE DE POIO SOLICITANDO UN PLAN DE MEDIDAS PARA COMBARRO, DESDE 2015

A ASOCIACIÓN A SOLAINA SOLICITA Á CORPORACIÓN MUNICIPAL DE POIO UN PLAN DE MEDIDAS PARA RECUPERAR COMBARRO, A APLICAR DESDE 2015


Este é o escrito que A Solaina rexistrou o 18 de decembro, no Concello de Poio, solicitando un Plan de Medidas para conservar e recuperar o Conxunto  Histórico de Combarro. Pídense, entre outras medidas, partidas concretas para a recuperación dos hórreos do pobo e o inicio da retirada dos cables do Conxunto Histórico en 2015. Solicitase así mesmo a creación dunha Comisión Municipal Especial, formada por representantes dos partidos con representación en Poio, para xestionar a colaboración da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia.

***


Combarro, 16 de decembro de 2014.
Sr. Alcalde Presidente do Excmo. Concello de Poio.
Sr. Alcalde:
Nos últimos anos como sabe fixéronse varios estudos sobre o Conxunto Histórico de Combarro (algún deles encargado polo Concello de Poio, en 2008), e a conmemoración en 2012 do 40 Aniversario da súa Declaración como Conxunto Histórico deixou así mesmo varias percepcións e diagnósticos sobre a situación actual. Esas diagnoses poñen de manifesto os activos ou puntos fortes de Combarro como conxunto patrimonial e turístico. Pero poñen así mesmo de manifesto algún dos problemas que afectan á conservación do patrimonio cultural de Combarro.
Eses diagnósticos están recollidos, como sabe, no "INFORME URXENTE SOBRE O CONXUNTO HISTÓRICO DE COMBARRO. PROPOSTA DUN PLAN DE ACTUACIÓN EN 10 MEDIDAS PARA CONSERVAR O SEU PATRIMONIO CULTURAL NO HORIZONTE DO 50 ANIVERSARIO DA SÚA DECLARACIÓN COMO CONXUNTO HISTÓRICO (1972-2022)", que elaboramos en 2014 nesta Asociación. O Informe foille presentado a vostede a aos portavoces dos grupos políticos representados na corporación municipal de Poio o 28 de abril de 2014.
            No libro recentemente publicado "Combarro, Conxunto Histórico (1972-2012). Estudos e Testemuños", o arquitecto Iago Seara, responsable da sección de Patrimonio Cultural do Consello da Cultura Galega e ex Director Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, fala da:
 "formalización da destrución da memoria, do <<non lugar>> ao que chegou hoxe un Combarro que está moi distante dos valores que o fixeron merecedor de ser considerado Ben de Interese Cultural" (páx. 57).

Na mesma publicación, o arquitecto César Portela manifesta que:
"é unha pena que todo este legado histórico, este Patrimonio Arquitectónico, este tesouro, non o valoremos e o coidemos, non o respectemos como se merece e o sigamos afogando e danando con construcións recentes que evidencian algo que debería de avergonzarnos e é que poida dicirse que o tempo pasado foi mellor, polo menos en canto á Arquitectura se refire e ao caso que nos ocupa: a vila de Combarro" (páx. 62).

No mesmo libro, a socióloga Sara Mª Torres (coautora do Informe "Complementariedade comercio, hostalaría e turismo en Combarro") sostén que:
"é necesario buscar novas canles de concertación que resolva situacións de tensión derivadas da percepción dos residentes de que todo está orientado cara ó turismo e por ende, da falta de coordinación entre a vida urbana e a actividade turística. Ó respecto afondaría o fortalecemento de boas prácticas urbanas que se están a realizar de forma voluntaria, así como o consenso sobre aquelas outras a limitar, é dicir, o establecemento dun catálogo de ordenanzas e normas municipais negociadas de obrigado cumprimento. Resulta importante incidir sobre o mantemento e posta en valor do patrimonio e urbanismo tradicional como ben colectivo en lugar de  focalizalo unicamente como un eixo fundamental para potenciar o sector turístico. Tanto o empresariado local como os residentes deben ter acceso a participación cidadá, xa que conviven nun espazo de gran valor e reducidas dimensións." (páx. 46).

Trátase, como ve, de diagnoses e chamadas á actuación cualificadas, informadas e sensatas. Na Asociación A Solaina compartímolas plenamente. E entendemos que compre actuar, implicando a todas as administracións públicas de Galicia, empezando pola máis próxima é directamente afectada, que é o Concello de Poio que preside.
Por ese motivo, Sr. Alcalde, nos diriximos a esa corporación municipal de Poio, co fin de SOLICITAR unha serie de medidas a curto prazo, cun obxectivo e cun horizonte temporal máis amplo, que é o de conseguir que o Conxunto Histórico de Combarro se encontre en 2022 nunha situación mellor da que se encontra hoxe, desde o punto de vista patrimonial. Esas medidas que SOLICITAMOS son as seguintes:

1º.- Que a Corporación Municipal de Poio aprobe que se proceda á revisión e actualización do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico de Combarro (aprobado xa en 2001), de forma que se inicie a súa execución en 2015.

2º.- Que esa renovación vaia acompañada dunha enquisa aos veciños e veciñas Esta diagnose debería basearse nunha Enquisa á poboación de Combarro residente no Conxunto Histórico (a área do Plan Especial de Protección e a cualificada como "área de rehabilitación" o 30 de outubro de 2002), que valore a percepción, vivencia e opinión dos seus residentes e dos axentes directamente relacionadas con este, as súas necesidades e as súas aspiracións.

3º.- Que se aprobe, para 2015, un Plan de restauración urxente dos hórreos de Combarro. Suxerimos que sexa dotado de 15.000 euros.

4º.- Solicitamos que se cree unha concellería exclusiva de Patrimonio Cultural. A actual de Patrimonio Cultural e Festexos demostra unha estrutura disfuncional. Na práctica, nesta concellería foron máis importantes os festexos en Combarro que a salvagarda do patrimonio cultural do Conxunto Histórico.

5º.- Que se inicie en 2015 a eliminación do tendido aéreo de todo tipo cables en toda a área de protección do Conxunto Histórico e a definida como "área de rehabilitación" o 31 de outubro de 2002, de forma que se proceda ao seu soterramento nun prazo máximo de tres anos. Suxerimos que o Concello de Poio se poña en contacto co Sr. Conselleiro de Cultura para colaborar tecnicamente e lograr o financiamento conxunto deste proxecto. Na reunión que mantivemos algúns directivos de A Solaina con el en Santiago o 19 de maio de 2014, o Conselleiro comprometeuse a incluír este eliminación na axenda política da Consellería para 2015.

6º.- Que se poña en aplicación inmediata e efectiva algunhas das fundamentas recomendacións feita polo Seminario de Estudios socioeconómicos Carlos Velasco en 2008 no informe, encargado polo Concello de Poio, "Complementariedade comercio, hostalaría e turismo en Combarro", para lograr un turismo de calidade compatible coa conservación de patrimonio cultural e a calidade de vida dos veciños. De xeito moi particular, solicitamos que,  para 2015, se estableza un catálogo de ordenanzas e normas municipais que teñan como fin regular as actividades cotiás de particulares e negocios no Conxunto Histórico de Combarro, co obxectivo de ofrecer unha imaxe de calidade do mesmo, a través dun proceso de negociación cos axentes afectados.

7º. No aspecto da calidade, debemos transmitir que algúns dos paneis informativos no conxunto histórico teñen varias deficiencias nos textos, que conviña revisar. As máis salientables tópanse no que hai na praciña de A Rualeira. O texto en castelán ten graves erros gramaticais e de sintaxe, mesmo inclúe palabras que no existen en castelán. Solicitamos sexa retirado porque da unha pobre imaxe de Combarro e dos organismos que figuran no citado panel, incluído o Concello de Poio.

8º.- Que se aprobe iniciar as xestións para o Deseño e aplicación, nunha acción concertada do Concello de Poio, a Deputación Provincial de Pontevedra a través do padroado Rías Baixas, e de Turismo de Galicia, dun Plan Piloto de Excelencia Turística (Turismo cultural) para o Conxunto Histórico de Combarro. Unhas primeiras medidas, para 2015, poderían ser acordar cos particulares á rehabilitación de 2 muíños existentes no río da Sela, nas proximidades de Combarro, e aportar o local municipal, no espazo de Porto Deportivo, para crear nel un "Centro de Interpretación da Arquitectura Popular e do Medio litoral de Galicia", cunha especial atención ao conxunto histórico de Combarro e a illa de Tambo. Sobre Combarro e Tambo contamos na actualidade con solventes estudios universitarios que permiten informar os seus contidos de xeito altamente cualificado.

9º.- Suxerimos que se cree unha Comisión Municipal Especial, formada polos representantes dos tres grupos políticos con representación municipal, na que figure así mesmo o alcalde de Poio, para facer xestións ante a Deputación Provincial de Pontevedra e a Xunta de Galicia, con fin de conseguir a colaboración técnica e económica, para as seguintes medidas:
1) O Plan de restauración urxente dos hórreos de Combarro para 2015, ao tempo que se acorde un convenio que permita, en anos sucesivos, crear un Plan permanente de conservación e restauración de hórreos, de modo que en 2022 todos os hórreos de Combarro e as súas contornas inmediatas se encontren perfectamente restaurados e rehabilitados.
2) A eliminación do tendido aéreo de todo tipo cables en toda a área de protección do Conxunto Histórico e a definida como "área de rehabilitación", para a que existe un primeiro compromiso do Conselleiro de Cultura, co que esta Comisión podería entrevistarse.
3) Deseño e aplicación dun Plan Piloto de Excelencia Turística (cultural) para o Conxunto Histórico de Combarro, para o que debería levarse a cabo unha acción concertada do Concello de Poio, a Deputación de Pontevedra a través do Padroado Rías Baixas, e de Turismo de Galicia, e un financiamento proporcionado pola Deputación, a través do Padroado de turismo, e polo goberno de Galicia (Presidencia da Xunta), con cargo ao Plan Integral de Turismo de Galicia 2014-2016.




Comentarios

Entradas populares de este blog

Noticia uvigo.gal

“Conservas de Combarro”

Combarro. Arquitectura. Casa con sobrado.