PRESENTACIÓN NO MUSEO DE PONTEVEDRA DA GUÍA TURÍSTICA DO CONXUNTO HISTÓRICO DE COMBARRO. HISTORIA, ARQUITECTURA E PATRIMONIO CULTURAL
MUSEO DE PONTEVEDRA. 13 DE DECEMBRO. 20 HORAS
O día 13 de decembro, ás
20 horas, preséntase no Museo de Pontevedra a Guía Turística do Conxunto Histórico de Combarro. Historia,
Arquitectura e Patrimonio cultural. O seu autor é o profesor da
Universidade de Vigo Rafael Vallejo Pousada, membro dos grupos de investigación
TURHISGAL e ECOSOT, e investigador principal de proxecto Historia do turismo en Galicia. Orixes e desenvolvemento no século XX
( HAR2014-52023- C2-2- P) financiado polo Ministerio de Economía e
Competitividade, do que o contido desta Guía benefíciase.
A
presentación correrá a cargo de Carlos Valle, Director do Museo de Pontevedra;
Luciano Sobral, Alcalde do Concello de Poio; Xosé Leal, deputado responsable de
Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra; e, o propio autor da Guía.
Ambos os organismos, Concello de Poio e Deputación de Pontevedra, colaboran no
financiamento da obra. A subvención da Deputación inscríbese dentro do plan
cultural do Ano do Patrimonio (2017).
A Guía Turística do Conxunto Histórico de
Combarro. Historia, Arquitectura e Patrimonio cultural actualiza a
publicada en 2013 por Rafael Vallejo. Amplía o seu contido con datos
actualizados ata 2017. O apartado "Descubrimento turístico de Combarro e
declaración como Conxunto Histórico" incorpora o labor de promoción de
Combarro efectuada pola Xunta Provincial de Turismo de Pontevedra en 1929, da
man do secretario da mesma, Xosé Filgueira Valverde, que logo sería Director do
Museo de Pontevedra, en que se combinaba a preocupación polo desenvolvemento
turístico e a conservación e posta en valor da arquitectura vernácula. Engade
igualmente un apartado final, a modo de epílogo, cunha reflexión sobre os
activos e pasivos do turismo en relación ao patrimonio cultural e o debate
vixente hoxe día sobre este particular. Un debate que conecta, en Galicia, co
histórico que propiciara a Xeración Nós nas décadas de 1920 e 1930, a través
fundamentalmente de Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo.
Outra
das novidades desta edición en galego é que amplía o seu contido fotográfico,
cun caderno pequeno de fotos cuxos autores son Ramón Romay e Carlos Docampo.
Esta Guía Turística do Conxunto Histórico
de Combarro mellora tamén o seu formato respecto da versión previa en
castelán. Trátase dunha edición moi coidada, coa cuberta en tapas duras, de 23
x 23 centímetros. Este tamaño permite resaltar a calidade das máis de 100
imaxes históricas e actuais de Combarro reproducidas na Guía.
O
libro está editado pola Asociación para a Defensa e Promoción do Conxunto
Hitórico de Combarro, A Solaina, que conmemora o seu XXX Aniversario.
O
seu Índice temático é o seguinte:
1. A xeografía
2. Toponimia
3. Historia
4. Descubrimento turístico de
Combarro e declaración como Conxunto Histórico
5. Arquitectura
5.1. Casa vivenda
Casa terreña
Casa labrega
Casa con sobrado
5.2. A arquitectura do pan:
hórreos, eirados, muíños e fornos
5.3. A arquitectura do mar:
peiraos, ramblas e muro costeiro
5.4. Arquitectura relixiosa:
cruceiros e igrexas
6. Festas e dinamismo
sociocultural
Epílogo
Ficha técnica:
Rafael Vallejo Pousada, Guía Turística do
Conxunto Histórico de Combarro. Historia, Arquitectura e Patrimonio cultural,
Poio, A Solaina, 2017, 60 páxinas. ISBN: 978-84-697-8147-0. Depósito Legal: PO
703-2017.
Comentarios
Publicar un comentario