A Solaina da a coñecer os sete informes sobre o Conxunto Histórico de Combarro que elaborou entre 1991 e 2014.

Iniciativa dentro da conmemoración do  50 ANIVERSARIO DE COMBARRO COMO CONXUNTO HISTÓRICO, que terá lugar ao longo de 2022.

A "Asociación para a Defensa e Promoción do Patrimonio Histórico-Artístico de Combarro, A Solaina" foi fundada en 1987.

Entre os seus obxectivos fundamentais encóntranse a preservación e o fomento do patrimonio construído do pobo de Combarro, declarado Conxunto Histórico en 1972, e da calidade de vida dos seus habitantes.

Con ese fin, esta Asociación elaborou varios Informes sobre a situación xeral do Conxunto Histórico ou sobre aspectos concretos do mesmo. O primeiro é de 1991; o último, de 2014. En total, presentou sete Informes.

Todos eles trataron de chamar a atención dos poderes públicos de Galicia, e mesmo do goberno central de España, así como de diversas institucións culturais do noso país, sobre varias das problemáticas deste conxunto histórico, referidas a súa conservación, aos usos dos seus espazos, ou a actuacións mesmo das administracións que afectaban a súa fisionomía e a súa calidade patrimonial. Ao tempo, serviron para demandar unha actuación decidida para resolver ou facer fronte aos problemas que se poñían de manifesto. Demandas unidas a propostas concretas, sempre en sentido positivo, feitas cun espírito construtivo.

En 2022 conmemórase o 50 Aniversario da declaración de Combarro como ben de interese cultural. Como primeira contribución a esa conmemoración, ao longo deste 2021 publicaremos, periodicamente, eses sete informes.


O INFORME DE 1991

Hoxe damos a coñecer o de xaneiro de 1991. Fora enviado ao Presidente da Xunta de Galicia, ao Presidente do Parlamento de Galicia e ao Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia. Tamén o remitíramos a varias institucións culturais de Galicia, empezando polo Consello da Cultura. O texto que divulgamos é o orixinal. Non obstante, aparece nun formato especial, pois ese documento foi publicado en 2015 pola Deputación de Pontevedra, no número 24 da súa Revista de Estudos provinciais, Pontevedra, grazas ao empeño que puxera Miguel Pereira Figueroa, que dirixira aquela publicación así como, durante moitos anos, o Servicio de Publicacións e Documentación da Deputación pontevedresa. Trátase pois dunha versión impresa daquel Informe de 1991.

Co texto, publicamos así mesmo unhas fotografías das novas de prensa do momento, testemuño das xestións feitas hai xa 30 anos, que tiveran unha grande transcendencia e repercusión nos anos seguintes da vila desta pequena e fermosa vila que é Combarro. Agardamos que vos guste a iniciativa.

No seguinte enlace podedes acceder ó informe presentado ante o Goberno e o Parlamento autonómico o 30 de xaneiro de 1991:

https://drive.google.com/.../1x6D8YxaGlOFHccQPmB8.../view...















Comentarios

Entradas populares de este blog

Noticia uvigo.gal

“Conservas de Combarro”

Combarro. Arquitectura. Casa con sobrado.