A CULTURA DA AUGA. Os lavadoiros en Combarro.

OS LAVADOIROS EN COMBARRO. Lavadoiro Sidrás.


Os lavadoiros son pezas patrimoniais da cultura da auga e tamén fundamentais na limpeza e hixiene pública, cun grande valor social. En calquera pequeno regato, regueiro ou río, atopamos estas construcións empregadas para o lavado da roupa.
A nosa maneira de mirar o mundo vai mudando ao compás en que o fai a sociedade. Aínda non hai moito tempo en que os lavadoiros eran os lugares nos que as mulleres lavaban a roupa a man, si, mais tamén eran os lugares da parroquia en que se realizaba unha grande actividade de socialización feminina, eran puntos de encontro, ademais de parladoiros onde se transmitían os coñecementos sobre os temas de todos os días, ben relacionados coas crianzas, coa sexualidade ou mesmo coas estreitezas da vida cotiá.
Nas numerosas correntes de auga que discorren por Combarro, sempre había lugar para atopar unha pedra lisa que permitise o seu emprego para proceder ao lavado da roupa. Nalgúns casos estas pedras combinábanse cunhas táboas feitas para esa mesma finalidade.

Este procedemento era utilizado polas mulleres nas correntes de auga do Xuviño, onde o lavadoiro estaba no Río das Presas cuxa auga baixa ata o Padornelo ao pé da Renda; Ghiomar (Barrada), especialmente prezada a súa auga polo limpa que estaba sempre e, porque viña dos mananciais do Loureiro; Sidrás (Cidrás, topónimo xa nomeado en 1517) emprazado na Lagoa; no Souto un pequeno lavadoiro ao pé da presa da auga que regaba as leiras da Maceira e recollía a auga do manancial de Carboeses que tamén fornecía ao antigo muíño que nesta canle había; O Redondo, coa súa fonte, xa citada no foros do ano 1568; fonte e lavadoiro de Chancelas; Río Pequeno, que augas arriba leva o nome de Lavandeira, onde algunhas mulleres lavaban as roupas propias e tamén as das familias adiñeiradas de Pontevedra para as que traballaban de “serventas”; A Rualeira, logo de deixar atrás a fonte do Ribeiro; O Cochiño, preto da baixada a Chousa, onde ían lavar as mulleres da Costa, Tarrío, Chousa ou As Veigas.
·
Texto: Andrés Dacosta.
·
Foto Antiga: Lavadoiro Sidrás 1956-1957. Arquivo da Deputación de Pontevedra.
Foto Actual: Lavadoiro Sidrás 2021. Andrés Dacosta.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Sobre unha das dúas casas barrocas para o Museo do Mar de Combarro.

DESCUBRIMENTO TURISTICO DE COMBARRO.

Cruceiro do Adro.