A CULTURA DA AUGA. OS LAVADOIROS EN COMBARRO.
OS LAVADOIROS EN COMBARRO. Lavadoiro de Chousa.
A faena comezaba no intre en que se enchía a bañeira de zinc coa roupa, para decontado poñela enriba do mulido na cabeza. O extraordinario equilibrio que esta manobra producía permitíalle a muller ter as mans libres para cargar, aínda máis, moitas veces con algunha criatura ou con calquera outra carga.
O labor propiamente dito de lavado principiaba coa separación da roupa branca da de cor. Logo as lavandeiras poñían a roupa branca na coada (bogada). Cando a roupa estaba ben empapada, procedían ao enxaboado e a unha exhaustiva frega. A roupa tamén se batía contra o lavadoiro para unha maior limpeza.
As pezas de roupa branca debían ter un tratamento ben diferenciado, era preciso que estiveran ben enxaboadas para poder botalas a clareo nas silveiras máis próximas ou enriba das herbas.
Vimos de referir brevemente o proceso, podemos dicir mecánico do lavado da roupa, no entanto no debemos esquecer que para levar a cabo esta tarefa, as mulleres que ata comezos dos anos cincuenta, moitas delas ían descalzas, facíana axeonlladas con vento, auga, sol, humidade, frío e que co tempo, máis cedo que tarde, producía padecementos de reumatismo, e por todo isto podemos afirmar que neste período eran case sinónimos lavadoiro e sabañóns (frieiras).
·
Texto: Andrés Dacosta.
·
Foto Antiga: Lavadoiro de Chousa 1950-1960. Arquivo da Deputación de Pontevedra.
Foto Antiga: Lavadoiro de Chousa 1969. Arquivo da Deputación de Pontevedra.
Foto Actual. Lavadoiro de Chousa 2021. Andrés Dacosta.
Comentarios
Publicar un comentario