"Conxunto Artístico e Pintoresco de Combarro".



Foi un proceso administrativo longo, no que apenas consta unha intervención municipal activa. O impulso veu de fóra, daqueles gardiáns culturais (gate-keepers) que descubrirán e transmitirán a importancia desta vila. Culminou no decreto 3394, do 30 de novembro de 1972, que declaraba: «O encanto deste núcleo urbano, coa súa inigualable e sinxela beleza, debe ser preservado, mediante a oportuna declaración monumental, de reformas e innovacións que puidesen perxudicalo».
Namentres, veu funcionando unha tutela administrativa proporcionada polas «Normas que rexerán na edificación situada no Conxunto Artístico e Pintoresco de Combarro», aprobadas en Santiago de Compostela en setembro de 1952.
Debaixo do dilatado proceso descrito houbo un debate intenso na década dos cincuenta entre quen defendía un pobo museo, fixado no tempo, e quen expresaba a necesidade dun conservadorismo conciliable coas esixencias presentes. Combarro tiña enton o status de recinto histórico.
Con todo, aquel recoñecemento e a declaración de 1972 non foron suficientes para preservar Combarro de alteracións inoportunas. Arquitectos moi implicados con este conxunto, tanto por dirixir intervencións no mesmo como por estudalo (Pascuala Campos, César Portela, Pedro del Llano, Iago Seara,….), puxérono repetidas veces de manifesto. A declaración non veu acompañada do soporte financeiro suficiente nin da atención debida repecto ás necesidades e aspiracións dos veciños. Isto motivou a creación, en Combarro, dunha Asociación para a Defensa do Patrimonio, en 1987. Trátase de A Solaina. Esta redactou na década dos noventa e nos primeiros anos do século XXI seis informes sobre o patrimonio cultural do pobo. O de 1991, «Informe sobre o Conxunto Histórico de Combarro», incluía datos para a súa consideración como obxecto de espoliación e foi moi importante e trascendente. Enviouse ao Consello da Cultura Galega, á Xunta de Galicia, ao Parlamento Galego e ao Ministerio de Cultura. Marcou un punto de inflexión na atención pública respecto de Combarro, do mesmo xeito que o fixo o plan «Dez Medidas para Recuperar Combarro»; a instancias de A Solaina, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade sete delas o 4 de xuño de 1992.
Logo veu o Plan Especial de Protección, impulsado entre 1992 e 1994 polo Concello de Poio e aprobado en 2001. Ao seu amparo creouse unha Área de Rehabilitación Integral (31 de outubro de 2002), que permitiu axudar ós veciños por medio de actuacións de conservación-rehabilitación nas súas vivendas. A última fase desta Área de Rehabilitación, creada no 2012, iniciouse en 2015. Un ano antes, en 2014, a Asociación A Solaina volvera presentar outro «Informe Urxente sobre o Conxunto Histórico de Combarro», cun novo plan de actuación en dez medidas para a súa conservación. A día de hoxe, pois, avanzouse considerablemente, sendúbida, no difícil camiño da preservación do patrimonio cultural desta vila. Non obstante, queda aínda bastante por facer. Combarro é un Conxunto Histórico vivo. Sobre as páxinas do seu pasado ten que escribir as do seu presente e o seu futuro, cun reto que obriga a moito e a moitos: que unas liñas non borren ás outras, que as novas páxinas non destrúan, ata o irrecoñecible, as anteriores.

·
"Guía turística do Conxunto Histórico de Combarro", Rafael Vallejo Pousada.
·
Foto: O Porto de Combarro a principios do Século XX. 1994
Autor: Francisco Guerra.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Combarro. Arquitectura. Casa con sobrado.

“Conservas de Combarro”