Cruceiro da Rúa.

SEGUNDO VECIÑOS, ESTE CRUCEIRO ESTIVO A PIQUES DE SER DOADO, EN 1947, A EVITA PERÓN CON MOTIVO DA VISITA QUE FIXO A PONTEVEDRA.

Baixamos un pequeno treito da Rúa de San Roque e xa atopamos outro cruceiro, o chamado cruceiro da rúa. Este cruceiro, podemos dicir, é o que tivo unha vida máis accidentada ou movida de todos os do Conxunto Histórico, pois orixinalmente estaba na praia do Padrón, a pé do Camiño Real. Desde alí, onde rompeu a vara e caeu, foi traído ao lugar que hoxe ocupa, o que orixinou a súa depreciación, dado que o inadecuado emprazamento impídeo ver en toda a súa fermosura.
Parece que o infortunio persegue esta obra. Segundo veciños que coñeceron as súas vicisitudes, este cruceiro estivo a piques de ser doado, en 1947, a Evita Perón con motivo da visita que aquela mandataria consorte arxentina fixo a Pontevedra dentro da súa máis ampla viaxe diplomática á España de Franco. Pero non foi este o cruceiro que á fin levou cara Bos Aires. No xornal “Imperio: Diario de Zamora de FE de las JONS”, do 28 de decembro de 1947, lese que: “con destino a doña María Eva Duarte de Perón, esposa del presidente argentino, ha sido embarcado en el buque Córdoba un crucero gallego, esculpido en piedra, que le ofrece el Ayuntamiento de Pontevedra. El peso de este crucero es de dos toneladas”. O periódico Ciudad, do día 23 de agosto de 1947, indicaba, pola súa banda, que Evita levou unha “bien tallada miniatura de crucero”.
O cruceiro da Rúa veu abaixo en marzo do ano 2008, e, xa reposto, en 2015 volveulle suceder o mesmo. De aí a súa aquelada historia.

·
"Os Cruceiros do Conxunto Histórico Artístico de Combarro", Andrés Dacosta Paz.
·
Foto: Cruceiro da Rúa. Asociación A Solaina.




Comentarios

Entradas populares de este blog

Sobre unha das dúas casas barrocas para o Museo do Mar de Combarro.

DESCUBRIMENTO TURISTICO DE COMBARRO.

Cruceiro do Adro.