A Asociación A Solaina de Combarro organiza, con motivo do 50 Aniversario da Declaración de Combarro como Conxunto Histórico, unha actividade cultural, baixo o título xenérico de "O Plano Artístico de Combarro de Francisco Guerra (1994)". Ten como finalidade recordar a publicación do referido Plano artístico en 1994 e salientar a relevancia cultural do mesmo.

Esta actividade contará con dous actos. O primeiro terá lugar o venres 20 de maio ás 8 da tarde, no local da Comunidade de Montes Rega dos Agros de Combarro. Consistirá nunha "Conferencia Conmemorativa: O valor cultural do Plano «Reconstrucción do Porto de Combarro a principios do Século XX». Nela participarán o propio Francisco Guerra Penas, autor do Plano; Felipe Senén López, arqueólogo e museólogo, que fora director do Museo Arqueolóxico de San Antón da Coruña entre 1975 e 1996, e Carlos Valle Pérez, doutor en Historia da Arte e Académico, quen foi director do Museo Provincial de Pontevedra desde 1987 a 2018. O acto será presentado por Rafael Vallejo, presidente da Solaina.

Esta actividade é promovida e patrocinada polo Concello de Poio, a través da súa Concellería de Cultura, dentro do programa de actos que se organizan para a Conmemoración do 50 Aniversario da Declaración de Combarro como Conxunto Histórico.

Francisco Guerra Penas, que naceu en Marín en 1961, está ligado a Combarro a través da familia materna, e das actividades económicas do seu pai, que fora presidente da Asociación de Mexilloeiros de Combarro e Raxó (AMECOMRA). É arquitecto técnico, formado na Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña. O seu traballo fin de Carreira "Combarro, exemplo de construcións populares" (1987) contou coa dirección do tamén arquitecto técnico Manuel Caamaño Suárez, un dos nosos maiores especialistas na arquitectura popular de Galicia. Exerceu como profesor no Ciclo Superior de Proxectos de Edificación no IES G. Torrente Ballester de Pontevedra (2000-2021). Paco Guerra é así mesmo un dos socios fundadores, en 1987, da Asociación para a Defensa do Patrimonio Histórico Artístico de Combarro A Solaina, na que formou parte da súa Xunta Directiva.

No acto deste venres 20 de maio, todas e todos os asistentes serán agasallados cun exemplar do "Plano Artístico de Combarro a Principios do Século XX", que fora editado en 1994 co importe do Premio Pedra do Destino concedido á Asociación A Solaina en 1993 por Amigos dos Museos de Galicia, en recoñecemento da súa actuación decidida na defensa do patrimonio cultural de Combarro.

#patrimonio #patrimoniocultural #arte #50Aniversario 




Comentarios

Entradas populares de este blog

Combarro. Arquitectura. Casa con sobrado.

Noticia uvigo.gal