HÓRREOS DE COMBARRO: A SOLAINA SOLICITA UN PLAN PARA A SÚA RESTAURACIÓN E CONSERVACIÓN

A Asociación A Solaina ven de entregar no Concello de Poio un escrito dando conta da caída dun hórreo en Combarro, solicitando que se faga un diagnóstico sobre a situación dos hórreos do Conxunto Histórico e que se poña en marcha un Plan para rehabilitar e conservar estas construcións populares.

Horreo caído no lugar de Tarrío (Combarro)

O contido do texto é o seguinte:

Combarro, 17 de febreiro de 2014.

Sr. Alcalde:
Informámoslle, desde esta Asociación A Solaina de Combarro, de que un dos poucos exemplares de palleira de cámara de madeira que se conservan en Combarro veuse ao chan no lugar de Tarrío, tras un período de progresivo deterioro.
Ese deterioro está afectar a boa parte dos hórreos de Combarro. Polo tanto, estamos nunha situación que require duna intervención inmediata, entendemos, a fin de preservar estas construcións tan singulares do Conxunto Histórico de Combarro.

A finalidade deste escrito, ademais de transmitirlle a información arriba referida, é SOLICITAR o seguinte:

1.- Que se adopten as medidas oportunas para recuperar o hórreo que acaba de virse abaixo no lugar de Tarrío.

2.- Que se leve a cabo, por parte dos servizos técnicos do Concello de Poio, un estudo ou diagnose da situación actual dos hórreos de Combarro. (Como consecuencia do requirimento  de varios particulares, que pretenden obter axudas para restaurar hórreos da súa propiedade, puidemos comprobar que o estado actual dalgún deles é de grave deterioro).

3.- Que se leven a cabo as xestións oportunas coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para poñer en marcha un plan integral de restauración, conservación e recuperación dos hórreos de Combarro. O 12 de febreiro de 2012 anunciouse nos medios de comunicación, por parte do Concello de Poio, que se pretendía que a "próxima fase do plan de rehabilitación de Combarro se centrara nos seus hórreos". A día de hoxe, polo que sabemos, non existe tal plan de rehabilitación, tanto no que afecta ás vivendas dos veciños como ao resto dos elementos da arquitectura popular de Combarro, da que os hórreos son parte salientable. Solicitamos, polo tanto, que se fagan as xestións adecuadas para que un Plan desta natureza se poña en marcha de forma urxente.

Nesta Asociación A Solaina entendemos que a situación actual do Conxunto Histórico, no que aos elementos máis representativos da súa arquitectura e da súa calidade patrimonial se refire, revela unha desatención por parte das administracións públicas que creemos debe ser corrixida, empezando pola propia actuación municipal, que reclamamos a través desta solicitude.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Combarro. Arquitectura. Casa con sobrado.

“Conservas de Combarro”