INFORME URXENTE SOBRE O CONXUNTO HISTÓRICO DE COMBARRO
INFORME URXENTE
SOBRE O CONXUNTO HISTÓRICO DE COMBARRO.
PROPOSTA DUN PLAN DE ACTUACIÓN EN 10 MEDIDAS PARA CONSERVAR O SEU
PATRIMONIO CULTURAL NO HORIZONTE DO 50 ANIVERSARIO DA SÚA DECLARACIÓN COMO
CONXUNTO HISTÓRICO (1972-2022
A Asociación A Solaina ven de presentar,
aos grupos
políticos con representación no Concello de Poio, o "INFORME URXENTE SOBRE O CONXUNTO HISTÓRICO DE COMBARRO. PROPOSTA DUN PLAN DE ACTUACIÓN EN 10 MEDIDAS PARA
CONSERVAR O SEU PATRIMONIO CULTURAL NO HORIZONTE DO 50 ANIVERSARIO DA SÚA
DECLARACIÓN COMO CONXUNTO HISTÓRICO (1972-2022)".
A reunión
valorámola en termos positivos, dado o clima de cordialidade e a vontade de
buscar consensos na materia tratada, manifestados polo Alcalde de Poio e os
voceiros dos distintos grupos, Chelo Besada e Ángel Moldes.
O documento tamén
foi entregado hoxe ao Presidente da Xunta de Galicia, ao Conselleiro de
Educación e Cultura, así como á Presidenta do Parlamento de Galicia, para a súa
remisión a todos os partidos con representación no mesmo.
Ao Presidente da
Xunta foille solicitada unha entrevista para explicarlle o alcance do mesmo e o
Plan de Actuación en 10 Medidas para Conservar Combarro.
Nos vindeiros día o
Informe sobre Combarro será entregado na Deputación de Pontevedra
(Presidencia e corporación provincial); e no Consello da Cultura Galega. O mércores
día 30, o presidente de A Solaina, Rafael Vallejo, entrevístase co presidente
do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares en Santiago de Compostela, para
que o Consello analice o Informe e faga a valoración correspondente.
Este Informe e o Plan de Actuación
en 10 Medidas será enviado así mesmo aos Colexios de Arquitectos de Galicia; ás
Universidades Galegas. E será presentado ao pobo de Combarro.
PLAN DE
ACTUACIÓN EN 10 MEDIDAS PARA CONSERVAR O SEU PATRIMONIO CULTURAL NO HORIZONTE
DO 50 ANIVERSARIO DA SÚA DECLARACIÓN COMO CONXUNTO HISTÓRICO (1972-2022).
O Informe, que entende existe unha situación
crítica do patrimonio cultural de Combarro, ten un afán construtivo. Proba diso
son as 10 Medidas que plantea. Presentámolas a continuación para que se difunda
o seu coñecemento e para que, si vos parecen oportunas, as apoiedes.
3. Proposta dun Plan de Actuación en 10 Medidas para conservar o Patrimonio
cultural de Combarro no horizonte do 50
Aniversario da súa declaración como Conxunto Histórico (2022). (páxinas 31-38
do Informe Urxente)
1ª. Que se leve a cabo
unha diagnose rigorosa sobre a situación socioeconómica
e patrimonial do Conxunto Histórico de Combarro por parte das administracións
públicas galegas. Para isto sería desexable, desde o noso punto de vista,
lograr un gran pacto municipal e un compromiso extraordinario dos poderes
públicos galegos para a xestión eficaz deste singular Conxunto Histórico de
Galicia. Trátase de lograr unha iniciativa conxunta que salvagarde os valores
propios do patrimonio cultural de Combarro, hoxe en grave perigo de perda
irreversible, e que permita unha resposta satisfactoria, estratéxica, ás
esixencias e retos que xera o que hoxe é un espazo turístico sensible, dentro
dunha aposta pola excelencia turística e a sustentabilidade do recurso (do
capital cultural) que sirve de soporte a esa actividade. Unha resposta que se
sitúe na liña dos criterios reitores de protección e conservación das paisaxes
naturais e culturais que establecen o Convenio
Europeo da Paisaxe (2000), a Lei
7/2008 de Protección da paisaxe de Galicia e o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia (2010), así como, claro
está, nos da Lei 8/1995, do 30 de
outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia
e nos do recente Plan Integral de Turismo
de Galicia 2014-2016. Precisamente este último establece entre as súas
liñas estratéxicas o lograr unha "Galicia como destino ambiental, social e
economicamente sostible" e unha "Galicia como modelo europeo de
turismo sostible", para o que identifica que "Galicia ten unha das
súas principais fortalezas no valor diferencial dos seus recursos endóxenos en
todos os seus ámbitos. Iso implica que se debe traballar na protección,
conservación e posta en valor deses recursos sen que perdan a súa esencia e
valores de sostibilidade ambiental e social"[1].
Nun momento coma este de severas dificultades
financeiras para as corporacións municipais, faise máis urxente ca nunca si
cabe a actuación coordinada e cooperativa do conxunto das administracións
públicas, máis alá da cor política de quen goberna. Salvagardar un conxunto
histórico de Galicia, irrepetible coma este, tería que formar parte dos
consensos básicos, ineludibles, que deberían presidir a política en Galicia.
Esta Asociación A Solaina, como parte que é da sociedade civil galega, así o
entende e o reclama neste caso.
2ª. Esta diagnose debería basearse nunha Enquisa á poboación de Combarro residente
no Conxunto Histórico (a área do Plan Especial de Protección e a cualificada
como "área de rehabilitación" o 30 de outubro de 2002), que valore a
percepción, vivencia e opinión dos seus residentes e dos axentes directamente
relacionados co Conxunto (hostaleiros, comerciantes, etc.), as súas necesidades
e as súas aspiracións. Esa enquisa debe permitir, en último extremo, coñecer se
esta poboación quere que Combarro continúe
sendo Conxunto Histórico. Entendemos que esta unha premisa necesaria para que o
que poida facerse en Combarro por parte
das administracións públicas se sosteña sobre un soporte de lexitimación dos
máis directamente afectados. O que vaia suceder co Conxunto Histórico desde
2014 non ten que ser decisión exclusiva das elites político-administrativas ou
dunhas elites intelectuais; ten que ser froito da decisión voluntaria dos
directamente afectados, os seus habitantes.[2]
3ª. Revisión do Plan Especial de
Protección, tras a realización da enquisa formulada no punto anterior, que
permita un coñecemento actualizado da situación (uso e conservación) dos
espazos e das vivendas do Conxunto Histórico de Combarro, e das
súas necesidades en materia de urbanismo e arquitectura tradicional, e que faga
posible dar respostas eficaces, actualizadas, aos retos que se derivan do
actual perfil socioeconómico de Combarro. O alcalde do Concello de Poio manifestouse xa neste sentido en novembro de 2012.[3]
4ª. Creación, para Combarro, dunha Área de Rehabilitación Integral permanente (ou unha figura xurídico
administrativa semellante), que permita levar a cabo, cun esquema axeitado,
sustentado en prazos fixados con este fin, o programa de
conservación-rehabilitación-restitución, que se desprende dos traballos
técnicos elaborados pola Xunta
de Galicia en 1992-1993: o Plan Piloto
de actuacións urbanas urxentes no Conxunto Histórico de Combarro; e o Proxecto básico e de execución de actuacións urbanas urxentes no Conxunto Histórico de Combarro. Na
medida en que estes programas (Plan e Proxecto) apenas se executaron, trátase
de aproveitar o que deles segue a ser actual e afrontar as tarefas pendentes
que a administración autonómica ten co Conxunto Histórico de Combarro. Suxerimos que sexa unha iniciativa sustentada con
fondos europeos, do goberno central (a través do 1% cultural), e loxicamente
recursos do autonómico e do local, con implicación directa (coxestión) da
Corporación Municipal de Poio e da Xunta
de Galicia. Esta Área de Rehabilitación Integral
permanente debería permitir a Combarro someterse
a unha cualificación de Certificado de Calidade, en anos sucesivos, nalgunha
das modalidades internacionais existentes, aplicables a espazos singulares
humanizados.
5ª. Plan permanente de conservación e restauración de hórreos, que
inclúa a inspección periódica, o asesoramento técnico aos particulares e o
establecemento de vías de fomento ou estímulo (subvencións) para a preservación
dos hórreos en condicións de calidade construtiva e estética. O labor de
asesoría técnica e as axudas poden instrumentarse a través da Área de
Rehabilitación Integral. Non obstante, antes de que esta se constitúa debe
establecerse un plan urxente, ao menos provisional, de conservación e
restauración das "palleiras" de Combarro.
6ª. Programa de reactivación
residencial. Fomento do uso residencial das vivendas en ruína ou en proceso de
ruína (e mesmo de vivendas deshabitadas). Compra do parque inmobiliario de
vivendas en ruína por parte da Xunta de Galicia e do Concello de Poio, converténdoas en vivendas sociais (en réxime de aluguer
a ser posible), seguindo o modelo do que se está a facer dende hai varios anos
no barrio antigo de Vigo, a través do
Consorcio do Casco Vello de Vigo, levando a cabo obras de rehabilitación modélicas, que
sirvan de referencia e exemplo a imitar.
7ª. Eliminación do tendido aéreo de todo tipo cables en toda a área de
protección do Conxunto Histórico e a definida como "área de
rehabilitación" o 31 de outubro de 2002, procedendo ao seu soterramento nun prazo máximo de
tres anos. É preciso encontrar os canles para que a empresa ou as empresas
afectadas colaboren; e, no seu caso, buscar esa colaboración a través de
fórmulas de mecenado privado. Nesta intervención a tres anos habería que
incluír a mellora da iluminación do Conxunto Histórico, que debería contemplar
o tratamento o máis uniforme posible dos puntos de luz (farolas, etc.).
8ª. Aplicación,
por parte do Concello de Poio, das recomendacións efectuadas no Informe do Seminario de Estudios Carlos Velasco en
2008 de mellora de accesos ao
Conxunto Histórico. En concreto sería desexable acondicionar, con mellor
criterio, a subida ou entrada a Combarro polo lugar de a Ghurita desde a praza
de Chousa, eliminando –entendemos en A Solaina- a escaleira hoxe existente e
substituíndoa por un acceso ou escaleira de pedra[4].
É recomendable, igualmente, sinalar de xeito adecuado o acceso tradicional pola
subida de Chousa. Pola súa banda, en materia de obras de pavimentación, no Plan de
Medidas de 1992 da Asociación A Solaina recollíase o completar a pavimentación
con "pedra do país" de tódolos espazos públicos de Combarro. Isto
está practicamente feito na súa totalidade. Queda un pequeno rueiro na entrada
de Combarro por Chousa, á beira dos hórreos.
9ª. Creación, na Corporación
municipal de Poio, dunha Concellería dedicada ao Patrimonio Cultural. Na
actualidade ese Concellería, coas competencias específicas e relacionadas con
esta materia, debería ser prioritaria, dada importancia do patrimonio de Poio,
que conta con grandes atractivos no Mosteiro de Poio, na Área Arqueolóxica da
Caeira, no excelente agrupamento de vinte e tres muíños de Samieira (coa súa
"ruta" correspondente), e sobre todo conta cun Conxunto Histórico
habitado, coas súas múltiples e complexas esixencias de xestión cotiá.
10ª. Deseño e aplicación, nunha
acción concertada do Concello de Poio, a Deputación Provincial de Pontevedra a
través do padroado Rías Baixas, e de Turismo de Galicia, dun Plan Piloto de
Excelencia Turística (Turismo cultural) para o Conxunto Histórico de Combarro, que poida servir de
modelo para a súa aplicación a outros Conxuntos Históricos de Galicia que
haberían de ser núcleos de actuación preferente na promoción do turismo
cultural, de calidade, como unha marca identitaria da Galicia singular.
É máis, desde esta Asociación A Solaina propoñemos
crear, por parte do goberno galego e do Parlamento de Galicia, a marca "Conxuntos Históricos de Galicia.
Valor do Patrimonio Cultural de Europa". O recente Plan Integral de Turismo de Galicia
2014-2016 establece como unha da súas Liñas estratéxicas (a L.E.2) "a
oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos diferenciais
endóxenos"[5].
Non obstante, os Conxuntos Históricos non están recollidos explicitamente nesas
liñas estratéxicas aludidas así como tampouco nas accións que se derivan das
mesmas, aínda que puideran entrar nesas accións. En todo caso, nos entendemos
que a creación desa marca "Conxuntos Históricos de Galicia" ben
puidera formar parte do presente ou dun renovado Plan estratéxico para o fomento do Turismo cultural de Galicia, que
teña na súa base estas paisaxes urbanas cualificadas. Este Plan podería servir ao tempo como motor de salvagarda dos Conxuntos
Históricos galegos, como motor económico polas accións de conservación,
restauración e rehabilitación estratéxicas a realizar, así como polas
actividades asociadas á promoción e a oferta conxunta que cabería facer, un ano
tras outro, na rede destes espazos urbanos cualificados. A creación da marca
aludida e as accións implícitas á mesma podería servir así mesmo para o sometemento
periódico dos Conxuntos Históricos a programas ou certificados de calidade
monumental, arquitectónica ou turística, que constituirían, así, un estímulo
para a actuación e mellora permanente. Deste xeito podería ser máis fácil
conseguir financiamento internacional para o proxecto, en plans europeos
comunitarios ou transfronteirizos.
O Plan Piloto
de Excelencia Turística para o Conxunto Histórico de Combarro podería
incluír cando menos os seguintes aspectos:
1) Creación dun Programa
sectorial de difusión da cultura popular agrícola-mariñeira e da arquitectura
popular da Galicia litoral, que leve consigo a "Posta en marcha do xa
creado Museo do Mar (en 1969)". Esta medida tamén fora aprobada en
1992 polo Parlamento de Galicia (véxase Cadro 1). Habería aquí dúas
alternativas, ao menos:
a) creación e habilitación dunha Casa museo
mariñeiro-labrega, para o que no seu día (década de 1970) deran pasos oportunos
tanto o goberno central (hoxe a Xunta de Galicia, á que se lle pasaron no seu
momento competencias e recursos patrimoniais) como a Deputación Provincial de
Pontevedra;[6]
b) creación dun centro de interpretación da cultura
popular agrícola-mariñeira e da arquitectura popular da Galicia litoral
atlántica, de acordo a como a ten identificado Manuel Caamaño Suárez.[7]
Propoñemos que a creación dese chamado no seu día Museo do Mar poida encontrar o seu
soporte de financiamento nos 136 millóns de euros cos que se nutre o Plan
de Turismo Integral de Galicia 2014-2016 para esta lexislatura[8],
ao igual que outras das medidas que se propoñen para este Plan Piloto de Excelencia Turística para o Conxunto Histórico de
Combarro.
2) Apertura
dunha Oficina de Turismo permanente en Combarro, tamén de acordo co
aprobado no Parlamento de Galicia en 1992. Nesta iniciativa sería básica a
colaboración do Concello de Poio e o soporte do padroado provincial de Turismo
Rías Baixas da Deputación Provincial de Pontevedra, así como do ente Turismo de
Galicia a través do aludido Plan Integral
de Turismo.
3) Crear unha
ruta didáctica sobre "A arquitectura do pan en Combarro" (hórreos, eirados, muíños e fornos). Isto levaría consigo o enlazar
o Conxunto Histórico, por medio dunha ruta empedrada ou cun firme especial,
identificado para o efecto, cos muíños existentes no lugar de A Sela e a
restauración destes muíños, de acordo cos propietarios, para convertelos en
construcións musealizadas que completen a
oferta cultural de Combarro e que ofrezan
a imaxe global da súa arquitectura popular. Estes (tres) muíños están a menos
de 500 metros do Conxunto Histórico. Esta ruta puidera ser perfectamente
alongada cara arriba a través da sendeiro actualmente existente polo entorno do
río da Sela, chegando ata a capela da Virxe da Renda, o lugar do Xuviño (onde
hai mostras curiosas de arquitectura popular, semellantes ás de Combarro), e
ata o lugar da Armadiña, no que se podería habilitar algún miradoiro, pois
existen vistas excelentes sobre a Ría de Pontevedra, o Mosteiro de Poio e a
ladeira do Castrove.
4) O fomento
do Turismo rural –como se acordara en 1992 no Parlamento de Galicia- (ver
Cadro 1) en base ao parque inmobiliario rexenerado ou as vivendas deshabitadas,
que inclúa a apertura de liñas específicas de financiamento e subvención das
posibles iniciativas de emprendedores particulares. Debería poñerse en
funcionamento a partir dun Programa de información/formación a todos aqueles
emprendedores ou emprendedoras que manifestaran un previo interese pola
iniciativa.
5) Aplicación dalgunhas das
interesantes recomendacións feitas polo Seminario de Estudios Socioeconómicos
Carlos Velasco en 2008 no informe "Complementariedade
comercio, hostalaría e turismo en Combarro" , como son[9]:
a) o coidado e limpeza de rúas e de inmobles abandonados, instalación de
contedores de lixo e de cristal non agresivos co entorno;
b) tratar de ampliar, nas proximidades do Combarro histórico, os espazos de
aparcamento, sen afectar ao Conxunto;
c) establecemento dun catálogo de ordenanzas e normas municipais que teñan
como fin regular as actividades cotiás de particulares e negocios no Conxunto
Histórico de Combarro, co obxectivo de ofrecer unha imaxe de calidade do mesmo,
a través dun proceso de negociación cos axentes afectados;
d) mellora da sinalización do casco e sinalización máis efectiva da Oficina
de Turismo;
e) establecemento de liñas de colaboración cos comerciantes e hostaleiros
para propiciar a organización interna do sector, de forma que se busquen canles
de profesionalización do mesmo, hoxe moi deficitaria; trátase de promover
fórmulas asociativas dos implicados nas actividades turísticas, que poidan
servir así mesmo "para organizar conxuntamente cursos de formación e
especialización dos profesionais do sector";
f) acordo cos establecementos da "mellora da imaxe conxunta do
Conxunto Histórico de Combarro: toldos, sombrillas, fachadas, cartelaría,
etc.";
g) promover a "constitución dun Centro Comercial Urbano ou Aberto
propio de Combarro, ou mellor integrado co resto dos establecementos comerciais
e hostaleiros do Concello de Poio", como meta operativa a medio prazo;
h) mellora da calidade urbana do Centro
Histórico de Combarro, de forma que se cree unha "Imaxe de marca conxunta,
adaptada ó entorno, do comercio e a hostalería local en aspectos como
cartelaría…, toldos e terrazas, sombrillas, elementos decorativos, bolsas, papelería,
etc.", se establezan "horarios comúns e fora dos tramos de maior
afluencia de visitantes para realizar tarefas tales como limpeza de locais e
terrazas; reposición; carga e descarga; contedores de lixo, etc."; e se
fixen "normas comúns para a exposición de mercadorías nas rúas, tratando
de evitar a excesiva ocupación das mesmas. A realización dalgún curso de
escaparatismo ou decoración pode servir para aumentar a calidade da imaxe do
sector comercial." etc.
Trátase, pois, de que as novas
actividades izadas ao calor da afluencia turística, sobre todo nos meses de
verán, lonxe de contribuír ao deterioro irreversible do ben patrimonial que é o Conxunto Histórico de Combarro, serva
para reforzalo como referente da identidade cultural de Galicia e como signo
distintivo da que pretendemos sexa unha Galicia excelente.
[1] Plan Integral de Turismo de
Galicia 2014-2016 no documento Estratexia de turismo para o 2016, pp.
4, 5 e 42.
[2] O precedente da "enquisa"
realizada polo Seminario de Estudios Socioeconómicos Carlos Velasco (2008)
revela, desde o noso punto de vista, a utilidade para a toma de decisións,
dunha iniciativa deste tipo, que teña en conta a opinión dos directamente
afectados.
[3] "Luciano Sobral abre la puerta a una
posible revisión del Plan Especial de Combarro. Cree que las aportaciones de los expertos en
las jornadas para celebrar el 40 aniversario del conjunto histórico podrían
aprovecharse para mejorar un documento que tiene ya diez años"; Faro de Vigo (edición Pontevedra),
17-11-2012; "Sobral no
descarta revisar el plan especial de Combarro", La Voz de Galicia (edición Pontevedra), 17-11-2012 e Diario de Pontevedra, 17-11-2012.
[4] Na enquisa feita en
agosto de 2008 polo Seminario de Estudios Socioeconómicos Carlos
Velasco (2008), pp. 61 e 78, aos turistas e residentes de Combarro, unha porcentaxe
significativa dos mesmos sinalaba esta escaleira como un elemento totalmente
desafortunado, a substituír.
[5] Plan Integral de Turismo de Galicia 4014-2016, documento
Estratexia de turismo para o 2016, p. 5.
[6] Véxase ao respecto Fariña (1975) e Decreto 3771/1972, de 22 de diciembre, en Boletín Oficial del Estado, 38, 13-2-1973, p. 2749. Sobre o Museo do Mar de Combarro hai referencias
múltiples, como a citada de Fariña (1975). Hai información ao respecto nos
informes de A Solaina: Asociación A Solaina (1991), (1992) e (1994). Ver tamén
La Torre (1988).
[7]
Para o que sería posible usar as
catalogacións ou descrición feitas por Begoña Bas, Pedro de Llano ou o citado
Manuel Caamaño. Ver ao respecto, Caamaño (2014), moi útil como guía básica de
referencia. Sobre o Museo do Mar de Combarro hai referencias múltiples. Hai
información ao respecto nos informes de A Solaina: Asociación A Solaina (1991),
(1992) e (1994), así como en Fariña (1975). Ver tamén La Torre (1988).
[8]
"Presentado el Plan
integral que identifica las grandes fortalezas de Galicia para competir como
destino único: riqueza natural, calidad de las aguas termales y de la
gastronomía, el símbolo del Camino de Santiago y el patrimonio artístico y
cultural"; Xunta de Galicia, Turismo de Galicia. http://www.turgalicia.es/canle-institucional/actualidade/detalle-nova?langId=es_ES&content=nova_0080.html&ordRs=0
.
Comentarios
Publicar un comentario