Os topónimos: Chousa, Tarrío, As Veigas, O Campo, A Cruz...

Os topónimos: Chousa, Tarrío, As Veigas, O Campo, A Cruz...

A supervivencia dos topónimos tamén é un dos sinais de identidade do Patrimonio Histórico de Combarro. Entre estes topónimos debemos mencionar a Chousa, que a través da praia do seu nome enlaza co lugar de Tarrío, a zona das hortas onde se conservan os topónimos as Veigas, o Campo e a Cruz, e dentro da zona edificada encontrámonos coa Rúa ou co barrio de Pedaporta.

A praia de Chousa foi convertida nos anos oitenta do século pasado nunha “explanada” de terra, e pavimentada de pedra xa iniciado o século XXI. Os escribáns ao servizo do Mosteiro de Poio deixaron escrito en distintos foros que aquí estaba o “parral que testa con la mar y área da Chousa, y por debajo de él va el camino para Chousa”, e dannos conta da fisionomía do lugar cando escriben, por exemplo, dunha “casa junto al Camino Real que va para Samieira y otras partes y confina en la arena de Chousa” (1662). Tamén nos escriben como detrás da praia, estaban os campos de Chousa, e a carón deste mesmo areeiro a “punta de Chousa coas laxes”, “a muralla da ribeira”, “o peirao de Chousa” (1665). Neste mesmos documentos forais atopamos referencias á función principal que se exercía desde este espazo, a da pesca, como cando se alude “a praia de lanzar e o tiradoiro pegado o con” (1669). De pintos temos unha imaxe do primeiro terzo do século XX, onde podemos comprobar como os mariñeiros de Combarro tiraban da arte (antiga xávega) nesta praia de Chousa.

"Os Cruceiros do Conxunto Histórico Artístico de Combarro", Andrés Dacosta Paz.

Foto: Pintos, Joaquín. Mariñeiros de Combarro tirando da arte.




Comentarios

Entradas populares de este blog

Combarro. Arquitectura. Casa con sobrado.

“Conservas de Combarro”