Ayuntamiento Constitucional de Poyo y Combarro en 1835-1837.

Ayuntamiento Constitucional de Poyo y Combarro en 1835-1837.

A conformación como parroquia inicia unha cuarta fase da historia do pobo. A terceira, previa, de dúas décadas de duración, vén marcada pola creación do Ayuntamiento Constitucional de Poyo y Combarro en 1835-1837. O estado liberal español acabou, no primeiro terzo do sécula XIX, co poder señorial dos mosteiros. As antigas xurisdicións e cotos de orixe medieval foron suprimidos, do mesmo xeito que os conventos. Desta forma, cando en 1835 foi decretada a vixente división municipal, o antigo Coto de Poyo y Puerto de Combarro foi convertido en municipio, que herdou dita denominación, como vemos no selo e nas actas do flamante Concello.
Este é un feito pouco coñecido. Pero durante unha vintena de anos, o actual municipio de Poio foi Concello Constitucional de Poio e Combarro, ao que se incorporaron as parroquias de Samieira, Raxó e San Salvador de Poio, ademáis da de San Juan, á que pertencía entón este pobo.
Cando aquilo sucedeu, en 1837, a actual parroquia de Combarro tiña o redor de 1.200 habitantes, un 30 por 100 do total municipal (4.011). En 1792, a efémera parroquia de San Sebastián contaba con 300 “veciños” (isto é, uns 1.040 habitantes) segundo Josep de Lastra, o “Xuíz e Xustiza Ordinaria nesta Xurisdición de Combarro”. En 2016 viven no porto de Combarro 1.270 habitantes; na parroquia, 1849 (ainda que na práctica hai máis pola proliferación de segundas vivendas nas tres últimas décadas). Que só conte co 10,9 por 100 da poboación do municipio de Poio débese a que esta basculou durante o século XX e principios do XXI cara os arredores de Pontevedra, de modo que San Salvador concentra agora case o 43 por 100 do total (16.901).

"Guía turística do Conxunto Histórico de Combarro", Rafael Vallejo Pousada.

Foto: Selo do Concello Constitucional de Poio e Combarro, 1847. Arquivo Municipal de Poio.




Comentarios

Entradas populares de este blog

Combarro. Arquitectura. Casa con sobrado.

“Conservas de Combarro”