Cruceiro do Adro. Neste lugar había en 1566 un edificio singular que era o "Hospital de San Roque"

Seguindo cara o nordeste, o seguinte alto no camiño facémolo no cruceiro do adro da ermida ou igrexa de San Roque. Este era o centro relixioso do porto de Combarro, do que xa nos fala unha escritura de 1552. Nela, Frei Lope de Frías daba en «aforamento a Esteban Martínez, clérigo e vecino de nuestro puerto de Combarro… suelo en que hagáis una casa en el otero de San Roque que es en el nuestro lugar de Combarro, entre la ermita de San Roque y la huerta de….», de «25 codos de longo y 15 de ancho» (10,45 m x 6,27 m).

Temos así mesmo noticias de que neste mesmo lugar había en 1566 outro edificio singular que era o «Hospital de San Roque».
Tamén coñecemos que no ano 1629, o Abade Frei Diego Vaca afóralle o dito Hospital a Francisco Carballa e a súa muller, e entre outras condicións obrígao a que «abeis de ospedar todos los pobres e peregrinos que llegasen a el». Este edificio aparece tamén identificado con «heredad del Hospital». Parte desta «heredad» do Hospital en 1592 foi cedida polo Abade do Mosteiro de Poio, Frei Sebastián de Villoslada aos veciños de Combarro, a través dunha «carta de venta redimible», «para hacer e fornir un cerco de que tenemos necesidad que va por nombre San Juan Bautista». A esta mesma cesión de 1592, fai referencia outro foro no que se afirma o seguinte: «Pero quando se fundó el cerco en este Puerto para que tuvieses en donde juntar la red, cedió el campo que está tras la ermita de San Roque, el convento, y lo tomó de la heredad que está allí, que es deste foro».
O cruceiro propiamente dito sitúase derriba do muro perimetral do pequeño adro da ermida de San Roque, que en 1788-1796 conta con 34 palmos de ancho por 54 palmos de largo (7 m x 11,27 m). Debemos destacar que esta obra chamou a atención de Alfonso D. Rodríguez Castelao, quen recolle nas láminas XXIII e XXX de As Cruces de pedra na Galiza (1950).
"Os Cruceiros do Conxunto Histórico Artístico de Combarro", Andrés Dacosta Paz.
Foto: Igrexa de San Roque e Cruceiro do Adro
Pintura: Cruceiro do Adro. Carlos Sobrino. Principios s. XX

Comentarios

Entradas populares de este blog

Combarro. Arquitectura. Casa con sobrado.

“Conservas de Combarro”