Cruceiro do Adro.

No ano 1868 e cando Combarro se constitúe como parroqua independente, xa definitivamente baixo a advocación de San Roque.

O monumento está composto por un pedestal prismático co inscricións nas catro caras, pero o deterioro que presentan só nos permite transcribir as palabras DE RENDA. Nel insire un esteo cilíndrico liso. O patrón da parroqua de Combarro, peregrino e atópase a media altura do varal. O santiño vai cuberto cun sombreiro de ala ancha e calza botas; está acompañado polo seu can, Melampo, que leva un pan na boca, e ergue coa man dereita a túnica para amosarnos as chagas provocadas pola enfermidade da peste, mentres que a man esquerda terma dun caxato.

Este santo, aínda que de devoción tardía, acadou grande sona en toda Galicia tras tres andazos de peste da segunda metade do século XVI; isto fixo que substituise no culto a devoción por San Sebastián. Combarro, na breve etapa que vai de 1792 a 1797, acadou a independencia parroquial fronte ao Mosteiro bieito de Poio e púxose baixo o padroado de San Sebastián, santo invocado contra a peste e outras epidemias. Non será ata o ano 1868 cando se constitúa como parroquia independente, xa definitivamente baixo a advocación de San Roque.
O capitel deste cruceiro está adobiado con volutas nas arestas e ábaco de lados curvos e cantos recortados; entre estes cantos presenta unha caveira nun lado e un serafín con seis alas no reverso deste, e, nos outros dous lados, flores con botón central.

A cruz e as imaxes que a acompañan están labradas todas elas nunha soa peza. É de traza cuadrangular e ten no anverso a figura do Crucificado apegado ó madeiro, baixo a cartela de INRI, que excede o ancho do madeiro, A cabeza de Cristo ten a coroa de espiñas, barba, bigote e unhas lixeiras guedellas que flúen sobre o pescozo algo ladeado cara a dereita; os ollos están cerrados e non transmiten cara de dor. Os brazos penden case paralelos ao traveseiro da cruz, e as mans pechadas simbolizan a Deus Todopoderoso.
Presenta a arca do peito lisa, sen trazos anatómicos. Un delicado pano de pureza circunda o seu baixo ventre, composto por catro pregues paralelos que se anoan cunha lazada no van esquerdo, unha posición que non é a máis habitual. As pernas, moi cilíndricas, teñen o pé dereito sobre o esquerdo. A talla presenta claras desproporcións, especialmente a cabeza e os pés.
Duas figuras aos costados da cruz acompañan o Cristo. Na dereita, María, a súa abnegada Nai, xunta as mans en actitude orante; na esquerda, o seu discípulo predilecto, o amado Xoán o Evanxelista, con indumentaria talar, leva as mans diante, unha no peito e a outra no van. Estas mesmas imaxes tamén están nun cruceiro do Esperón, na parroquia de San Xoán.
"Os Cruceiros do Conxunto Histórico Artístico de Combarro", Andrés Dacosta Paz.
Foto: Cruceiro do Adro.
Imaxes: Alfonso D. Rodríguez Castelao, quen recolle nas láminas XXIII e XXX de As Cruces de pedra na Galiza (1950).





Comentarios

Entradas populares de este blog

Noticia uvigo.gal

“Conservas de Combarro”

Combarro. Arquitectura. Casa con sobrado.