DESCUBRIMENTO TURISTICO DE COMBARRO.
Do ano 1929 datan tamén os primeiros carteis indicadores cos lugares de interese turístico da provincia de Pontevedra. Débense á iniciativa de Xosé Filgueira Valverde, secretario entón da Junta Provincial de Turismo. As primerias vilas que contaron con eles foron Pontevedra, Vigo, Tui, a cidadela castrexa de Santa Trega (na Guarda), Mondariz, Cambados, A Toxa e Combarro. O cartel de Combarro anunciaba «Alto! COMBARRO Pueblo típico». Aquela Junta Provincial de Turismo, que empezara a andar en marzo de 1929, tivo entre os seus obxetivos a conservación de monumentos. O presidente da mesma, Daniel de la Sota, o secretario, Xosé Filgueira, e o arquitecto Antonio Palacios visitaron o Mosteiro de Carboeiro e solicitaron para el a declaración de monumento nacional, así como para os mosteiros de Poio e Armenteira, o Pazo de Oca, varias igrexas rurais e, repetidamente, para «Combarro, que esta Junta ten grande interese en que se conserve intacto, coa súa beleza de pobo pintoresco».
Comentarios
Publicar un comentario