DESCUBRIMENTO TURISTICO DE COMBARRO.

Esta vila converteuse, coas súas iniciativas, en referente e paso obrigado para o turismo cultural de Galicia. A Guerra Civil non cortou os fluxos. En 1939, o alcalde de Poio solicitaba unha subvención á Deputación de Pontevedra para o arranxo das súas rúas, por ser «este un pobo típico galego e continuamente visitado por turistas». Desde os anos corenta, Combarro volveu ás revistas da época, como Sonata Galega, o ao lapis ou ao pincel dos artistas: Manuel Torres, Luís Pintos, Manuel Abelenda, María Ríus, Xavier Pousa, Agustín Portela, Rafael Alonso, Ramón Rivas….


Un dos máis soados foi Carlos Maside, quen residiu no pobo durante varios meses en 1952, na casa de Celia Rodríguez e o seu fillo Antonio Besada. A convivencia de Maside coa xente e a paisaxe de Combarro quedou plasmada en lenzos, retratos, acuarelas, debuxos e decenas de apuntamentos.
Nós temos identificadas máis dunhas cen obras. “A Peixeira”, un dos cadros máis emblemáticos deste período, representa unha moza do pobo, Maruja, de doce anos. Así mesmo, o pintor deixou no seu caderno de notas un dos testemuños maís poéticos e conmovedores sobre Combarro: «Unha vía principal, a Rúa, que aínda conserva como único nome, formada de casas miúdas, humildes e pulcras, cos seus balcóns de madeira, pintados de alegres cores, enxoiados agora por colares de douradas mazarocas, apertadas en longa ringleira como mozas colleitas da man mirando o mar e o sol nacente».
·
Foto: A Rua Combarro. A Solaina
Pinturas Carlos Maside.
·
"Guía turística do Conxunto Histórico de Combarro", Rafael Vallejo Pousada.


Combarro 1980 Rtve:

Comentarios

Entradas populares de este blog

Noticia uvigo.gal

“Conservas de Combarro”

Combarro. Arquitectura. Casa con sobrado.