Combarro. Arquitectura. Casa con sobrado.


No baixo (a “adega”) almacénanse os aparellos de pesca e os útiles de labranza, os bocois para almacenar o viño, e ás veces atopamos tamén un lagar para o prensado das uvas. Na década de 1770, por exemplo, producíase no pobo unha media duns 225 litros de viño por familia, aínda que non todas elas posuían viñas. Os lagares aquí consistían nun depósito cadrado ou rectangular pegado ás paredes da vivenda, feito de perpiaños robustos, levantado sobre unha base igualmente pétrea; dela sobresae un cano por onde discorre o viño recentemente prensado. Outras dúas pezas importantes dos lagares son a ”trabe” ou viga de madeira, que se artella en dous perpiaños que asoman no muro exterior da casa, e o “pé”, cilindro de pedra que, ao elvarse permite espremer os acios de uvas depositados no lagar.
En Combarro existe unha longa cultura do viño, xa ben asentada no século XVI, e das augardentes (brancas ou de herbas). As viñas, aínda visibles nos socalcos das ladeiras do Castrove, testemúñano.
O augardenteiro, un oficio itinerante con arraigamento nos pobos das ribeiras do Sil e do Miño, foi ata hai pouco un personaxe familiar no pobo durante os meses de outono. Os combarreses de máis idade aínda lembran a Dositeo, que viña daquelas terras de ribeira. Na actualidade, a figura do augardenteiro aínda non desapareceu, pero si o fixeron os lagares descritos. As reducidas dimensións das vivendas, o retroceso da producción de viño para o autoconsumo eu a venda, así como a proliferación dos lagares pequenos movibles (“lagaretas”), explican a práctica desaparición do lagar de pedra nas adegas do pobo.
·
"Guía turística do Conxunto Histórico de Combarro", Rafael Vallejo Pousada.
·
Debuxo: Lagar. Francisco Guerra. Combarro.
·



Comentarios

Entradas populares de este blog

“Conservas de Combarro”

Combarro. Arquitectura. Casa con sobrado.