Cruceiro da Rúa


O cruceiro da Rúa é unha obra escultórica moi singular, non só polas vicisitudes referidas, senón pola propia traza do conxunto escultórico. É unha pena que a súa nova localización dificulte, en extremo, a visualización do reverso do cruceiro, no que aparece unha feitiña Virxe do Socorro, ao estar orientada cara a unha vivenda moi próxima ao monumento. Aproveitouse aquí un recuncho do encontro entre rúas, onde foi instalado, e para salvar os desniveis do terreo fíxose unha plataforma sobre a que se ergue un pedestal cúbico sen adobíos. En 1990 púxoselle diante unha pequeña mesa pousadoiro, non excesivamente afortunada.
O esteo deste cruceiro é, no primeiro terzo, de sección cadrada cunha sinxela decoración xeométrica, logo transfórmase en octogonal. A media altura vemos a figura dun clérigo con hábito talar, ataviado con túnica e escapulario monacal, sobre os que vai unha capa con capucha, que ten gravada unha cruz enriba do peito, á altura do corazón. Este personaxe sostén coas dúas mans un gran báculo ao que lle falta unha parte da asta. Está, non obstante, desprovisto de cabeza, qu debeu perder nalgún dos abatementos.
Un prominente astrágalo conecta o esteo co corpo do capitel. O vaso está conformado por catro volutas, unha en cada aresta, das que penden unha soa folla de acanto. Entre as volutas da cara que está aos pés de Cristo atopamos a figura de San Francisco, cuberto con capucha e cunha túnica de saial de pregues verticais e amplas mangas que custodian as mans do frade. No lado dereito cáelle o cordón de tres nós, que simbolizan os votos de pobreza, obediencia e castidade. No anverso, debaixo da Virxe, amósase o rostro dun riseiro anxiño de fazulas gordechas. O que non é habitual é que debaixo del vexamos, na sección do vaso liso, as dúas tibias que normalmente acompañan a caveria que vai labrada debaixo da imaxe do Crucificado. Outra particularidade desde capitel é a cara humana veraz e seria que sobresae entre as súas volutas, no lado dereito do Cristo, figura que contrasta coa equivalente do lado oposto.
·
"Os Cruceiros do Conxunto Histórico Artístico de Combarro", Andrés Dacosta Paz.

Comentarios

Entradas populares de este blog

“Conservas de Combarro”

Combarro. Arquitectura. Casa con sobrado.