Cruceiro da Rúa.


CÓNTASE QUE UNHA NAI DA REXIÓN ITALIANA DE UMBRÍA ESTABA MOI FARTA DO FEDELLO DO SEU FILLO E, NA SÚA DESESPERACIÓN, PEDIULLE AO DEMO QUE O LEVASE....
A cruz, á fin, é octogonal. Presenta no anverso un Cristo pegado ao madeiro, baixo a cartela do INRI. Os brazos de Xesús están case horizontais e neles apréciase algo a musculatura; as mans aparecen pechadas, simbolizando a omnipotencia. A cabeza do Crucificado está lixeiramente revirada cara a dereita, e os seus ollos cerrados móstrannos un Cristo resignado; unhas guedellas cáenlle por diante do ombreiro dereito e outras por detrás do esquerdo. O torso amosa as costelas e a arca do peito moi marcadas. O pano de pureza anóase no lado dereito cunha lazada voluminosa. O pé dereito agocha o esquerdo. No reverso da cruz temos novamente a representación da Virxe do Socorro. Neste caso é unha figura con ampla coroa, con movemento, amplitude e ampulosidade nos pregues da vestimenta. O rostro anenado da Virxe, o do neno Xesús, que sostén no seu brazo dereito, e o dun repolludo cativo que tenta gabear polo manto da María están labrados con volumes moi dinámicos sen perda de equilibrio a composición. No cruceiro do Campo describimos unha interpretación da iconografía da Virxe do Socorro, agora achegamos outra, menos académica e máis popular. Cóntase que unha nai da rexión italiana de Umbría estaba moi farta do fedello do seu fillo e, na súa desesperación, pediulle ao demo que o levase. A súa petición fíxose realidade cando o demo lle levou o neno. A pobre da nai, agoniada e arrepentida, implorou á Virxe clamando: “Virxe Santísima, socórreme”. Inmediatamente apareceu a Virxe, co neno Xesús no colo e na outra man unha tranca coa que escorrentou o maligno.
·
"Os Cruceiros do Conxunto Histórico Artístico de Combarro", Andrés Dacosta Paz.
Foto: Cruceiro da Rúa.
·



Comentarios

Entradas populares de este blog

“Conservas de Combarro”

Combarro. Arquitectura. Casa con sobrado.